A Xunta de Galicia ofrece 650 prazas para coñecer Cíes e Ons esta Semana Santa a través de 35 rutas guiadas e gratuítas
• As persoas interesadas poden anotarse en liña na central de reservas do Parque Nacional ou ben o mesmo día da súa visita nas casetas de información das illas
• Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque nacional, pretenden contribuír a dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia
• Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna
Infogauda / Santiago de Compostela
A Xunta de Galicia ofrece durante esta Semana Santa un total de 650 prazas para coñecer as illas Cíes e Ons, a través de 35 rutas guiadas e de carácter gratuíto. Para participar, as persoas interesadas poden reservar xa a súa praza en liña a través da central de reservas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas ou agardar ao propio día da súa visita para facelo de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.
Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pretenden contribuír a dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna.
En concreto, as persoas interesadas poderán escoller entre rutas como Cíes, unha illa de paisaxes ou Ons, unha illa con 2 caras, nas que visitarán miradoiros e nas que se abordarán cuestións xerais sobre os seus valores naturais. No caso de Cíes, unha viaxe no tempo e Ons, un pobo no mar trataranse aspectos de carácter histórico-etnográfico.
A maiores, tamén se ofrecerán outras rutas máis curtas e específicas como Entre mareas, O secreto da praia de Rodas, Silencio! Píase ou Por que a auga está tan fría?, que amplían o coñecemento dalgúns valores naturais especialmente relevantes como a zona intermareal ou o complexo lago-duna de Rodas.
As devanditas rutas están recomendadas para público adulto, pero para os menores de 12 anos hai unha oferta específica denominada Illas a vista de paxaro. Estas rutas teñen dinámicas participativas coas que as aves irán presentando a paisaxe das illas á cativada participante. Están recomendadas para idades comprendidas entre 6 e 12 anos e os menores deberán ir acompañados na ruta por unha persoa adulta.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons, coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos.
Oferta complementaria
De forma complementaria, o parque nacional ofrece esta primavera un total de 140 prazas para participar en rutas guiadas polos catro arquipélagos –Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada-, co fin de dar a coñecer entre os visitantes os seus principais valores e singularidades nunha época do ano distinta ao verán e na que, ademais, moitos procesos naturais se poñen en marcha nas illas. As visitas serán de balde e enmárcanse no programa Descubrindo o Parque Nacional.
E, a maiores, en todas as illas, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos. Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.
Tal e como se recolle no Plan reitor de uso e xestión do parque, a Semana Santa é un dos períodos do ano, xunto cos meses de verán, no que se permite o transporte regular en barco aos arquipélagos de Cíes e de Ons, previa autorización por parte da Xunta.
En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.
Ningún comentario:
Publicar un comentario