17 de mar. de 2023

A GUARDA

A ASOCIACIÓN PIUEIRO RESCATA "DE MAR A MAR", DE FELICIANO ROLÁN

 En edición bilingüe (castelán - galego) que será presentada no mes de abril


De esq. á der.; Celso R. Fariñas, secretario de Piueiro; Henrique Alvarellos Casas, de Alvarellos Editora; e Joaquín Cadilla Castro, presidente de Piueiro
Foto: Cedida


Infogauda / A Guarda 

 Da man da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro, que ademais de seu intenso labor a prol da cultura marítima, tivo a iniciativa de rescatar o poemario De mar a mar, de Feliciano Rolán Vicente; comezaremos o mes de abril focalizando nosas olladas nas páxinas dunha edición bilingüe (castelán-galego), que Alvarellos Editora, de Santiago de Compostela, vén de tirar do prelo. Nesa coidada edición, a traducción ao galego estivo ao coidado do filólogo Anxo Angueira, quen ademais de ser o presidente da Fundación Rosalía de Castro, é unha persoa sensibilizada coa recuperación do patrimonio naval de noso, e con vencellos de amizade coa nosa xente do mar. 

 A publicación conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingúistica, da Xunta de Galicia, e do Concello de A Guarda.

 Publicado orixinalmente en Madrid en outubro de 1934, De mar a mar é un extraordinario libro de poemas de Feliciano Rolán Vicente (Vigo, 1907 – A Guarda, 1935) que mereceu a gabanza de poetas contemporáneos tan notables como Juan Ramón Jiménez ou Federico García Lorca, e, no noso país, de Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane.     

 No entanto, trala prematura morte do seu autor aos 27 anos, o poemario ficou varado no mar do esquecemento. O presente volume rescata esta magnífica obra e repara o nome do seu creador.    

 Esta edición bilingüe de Alvarellos Editora, publicada na súa Colección Rescate, incorpora, como dixemos, unha versión en lingua galega dos textos realizada polo tradutor, poeta e profesor Anxo Angueira.     

 O volume - con 172 páxinas, de 13 x 20 cms - ábrese cun clarificador ensaio do escritor e filólogo Xosé Gregorio Ferreiro Fente - persoa tamén moi vencellada á vila de A Guarda - e enriquécese con diverso material (imaxes, manuscritos e debuxos) moi descoñecido, cun cadro bio-bibliográfico de Celso R. Fariñas e cos valiosísimos testemuños literarios de Ricardo Carballo Calero e Carlos Martínez-Barbeito, dous intelectuais que trataron a Feliciano Rolán.     

 Os poemas de De mar a mar son «como berros de afogado», en palabras de Lois Tobío. Son versos que nos han fascinar hoxe coa súa enorme sensibilidade e magnetismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario