22 de mar. de 2023

A GUARDA

A Guarda sumarase este sábado á “Hora do planeta”, apagando entre ás 20:30 e ás 21:30 horas, as luces na Praza do Reloxo  

• O concello guardés apoia esa iniciativa simbólica en favor da natureza e do medio ambiente




Infogauda / A Guarda

  O Concello de A Guarda sumarase o sábado día 25 de marzo, entre 20:30 e 21:30 horas, á “Hora do Planeta”, unha acción que naceu fai catorce anos e que foi promovida pola organización WWF a prol da defensa da natureza e do medio ambiente. Deste xeito, o Goberno local apagará as luces na Praza do Reloxo, convidando tamén á cidadanía a facelo nas súas vivendas e propiedades.  

 Milleiros de cidades, institucións e persoas de todo o mundo amosarán o apoio global á acción conxunta contra o cambio climático, neste ano atendendo ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias e á Rede Española de Cidades polo Clima.  

 A “Hora do Planeta” serve para demostrar que a todas e todos impórtanos o planeta e de que xuntos somos parte da solución ao cambio climático e á loita pola conservación da natureza. O obxectivo é actuar agora para que non se poña en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións vindeiras.   

 Para Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Medio Ambiente, “todas as iniciativas que axuden a paliar os efectos do cambio climático terán sempre o apoio do equipo de goberno, tal e como queda de manifesto nas diferentes iniciativas postas en marcha dende o consistorio local en materia de eficiencia enerxética, compostaxe, xestión do lixo ou no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía (PACES), entre outros”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario