10 de feb. de 2023

O ROSAL

Concello e U.D. Ribera perfilan as necesidades do campo de fútbol da Mata  

 Alcaldesa, concelleiro, equipo técnico e responsables do club visitaron as instalacións para incorporar ao proxecto de renovación do campo aspectos fundamentais para o desenvolvemento da actividade deportiva  


Vista parcial do campo municipal de fútbol da Mata
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa apostando pola renovación de infraestruturas contando coa participación veciñal. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, visitou o campo municipal de fútbol da Mata xunto ao concelleiro de Deportes, Germán Fernández Rodríguez; a un equipo técnico e a responsables e coordinadores da U.D. Ribera para revisar as posibles necesidades técnicas detectadas polo club para incorporalas á redacción do proxecto de renovación das instalacións. “É un proxecto que queremos sacar adiante en breve e queremos facelo tendo en conta as necesidades que os propios usuarios e usuarias encontran para solucionar así posibles problemáticas”, explica a rexedora. 

 Ademais do cambio de céspede contemplado no proxecto, durante o encontro perfiláronse novos aspectos a incorporar, como a renovación dos banquiños, a modernización do sistema de aspersión, a mellora dunha valla e do son ou a colocación dun peche na zona de tribuna, entre outros elementos. “Xa estamos a traballar na redacción do proxecto que permita incluír nos pregos de licitación todas estas necesidades detectadas, implementando ademais unha calidade do céspede artificial elevada”, salienta Fernández Callís.  

 Para a redacción do proxecto o Concello conta cun equipo técnico especializado que coñecerá experiencias que se están a levar a cabo noutras instalacións, visitando campos de fútbol renovados recentemente e nos que xa se contrastou un bo funcionamento. 

 Alcaldesa, equipo técnico e directiva da U.D. Ribera aproveitaron a visita para avaliar a evolución das obras dos vestiarios que se están a realizar nestas instalacións e que se atopan xa en fase final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario