Estefanía Descalzo e Nazaret Calzado volven ao Mecalia Atlético Guardés
• A valenciana regresa á actividade desde o retiro para achegar poderío defensivo e a súa experiencia dentro e fóra da pista
• A zurda de Bolaños estaba libre tras desvincularse do Jomi Palermo italiano e retorna para poñer ao servizo do equipo a súa potencia e intensidade Se o corpo técnico considérao oportuno, ambas entrarán na convocatoria para medirse ao Elxe este sábado na Sangriña (19:00)
Descalzo: “O equipo está a pasar un momento complicado e quero achegar en todo o que poida para saír desta situación” Calzado: “Unha situación así me motiva máis aínda para axudar ao equipo en todo o que poida”
Infogauda / Redacción
Non é polo Nadal pero case. Estefanía Descalzo e Nazaret Calzado regresan ao Mecalia Atlético Guardés só medio ano despois do final da súa anterior etapa. Ambas as dúas xogadoras retornan para axudar ao equipo miñoto na segunda parte da tempada e se Abel González considérao oportuno, poderán participar no primeiro choque ligueiro do curso na Sangriña, este sábado ás 19:00 contra o Elxe.
No caso de Descalzo, a súa volta prodúcese desde o retiro. A xogadora valenciana de 32 anos decidiu finalizar a súa carreira deportiva a tempada pasada. Debido á súa profesión de enfermeira -e aos lazos que creou tras tres anos no club- quedou a vivir na Guarda. Como unha afeccionada máis, seguía de preto a actualidade do equipo, polo que coñece de primeira man a situación. Por iso, cando lle pediron volver vestirse de curto para botar unha man, non o dubidou. A súa experiencia será clave nun grupo tan novo e a súa enorme calidade defensiva será un gran impulso na retagarda. Hai uns días que está a seguir un plan físico personalizado para poñerse a ton e está disposta a achegar na pista desde xa. Empezando polo encontro deste sábado.
“O equipo está a pasar un momento complicado e quero achegar en todo o que poida para saír desta situación”
Estefanía Descalzo
“O equipo está a pasar un momento complicado e quero achegar en todo o que poida para saír desta situación”, expresa Descalzo. “Ao grupo véxoo ben. Está concienciado, concentrado e con ganas de traballar e sacar puntos importantes. A maioría dos partidos que quedan son en casa, así que a nosa afección ten que darnos un plus”, analiza.
En canto a Calzado, extremo zurda de 27 anos, estaba libre tras rescindir o seu contrato co Jomi Palermo da liga italiana, polo que fichou tras terminar a súa etapa no Atlético Guardés do curso pasado. O club púxose en contacto con ela para ofrecerlle a posibilidade de volver e Nazaret aceptou de inmediato. Desta forma, poderá volver correr a banda dereita da Sangriña e poñer ao servizo do equipo a súa potencia -tanto de salto como de carreira- e a súa intensidade. O seu físico permítelle defender no 2 se é necesario e a súa enerxía é un valor importante para o equipo.
“Unha situación así motívame máis aínda para axudar ao equipo en todo o que poida”
Nazaret Calzado
“A situación é difícil”, recoñece sen ambaxes a xogadora de Bolaños de Calatrava, que apunta a que “a liga é máis competitiva cada ano”, o que eleva a complexidade. “Estamos todas moi mentalizadas de que hai que loitar moitísimo cada partido. Seguro que con traballo imos saír de esta”, afirma Calzado. “Unha situación así me motiva máis aínda para axudar ao equipo en todo o que poida”, conclúe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario