A Xunta de Galicia reivindica a influencia galega na obra de Picasso na grande exposición de máis de 100 pezas que inaugura en marzo no Museo de Belas artes da Coruña
• ‘Picasso, branco no recordo azul’ inclúe unha escolma de obras representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración
Infogauda / A Coruña
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou hoxe aos medios galegos no Museo de Belas Artes da Coruña Picasso, branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Trátase dunha mostra que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
A exposición -que poderá visitarse do 23 de marzo ao 25 de xuño no Museo de Belas Artes da Coruña- analiza desde diferentes miradas ata que punto transcendeu a época coruñesa de Picasso na súa obra de madurez. Para iso estrutúrase a través de 10 capítulos temáticos nos que se reflexiona sobre os aspectos que distinguiron a obra do artista como o gran pintor do século XX e cales delas naceron da súa aprendizaxe na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895. Analízanse desde os temas, as variables iconográficas, os conceptos ou a dimensión de moitas da súas ideas e experiencias coa linguaxe visual. Para cada un destes capítulos seleccionouse, polo menos, unha peza mestra, que se relaciona cunha ou outras do seu período de formación en Galicia.
En total, a mostra componse de 120 pezas de 35 prestadores internacionais e nacionais procedentes de coleccionistas privados ou institucións como o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), Muse National Picasso de París, Museo Picasso de Antibes, Museo Reina Sofía, Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, Escola de Arte e Deseño Pablo Picasso da Coruña, Deputación da Coruña, Fundación Camilo José Cela, Fundación Museo do Gravado e a estampa de Artes de Ribeira, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Museo Picasso de Málaga e Museo da Universidade de Navarra.
Ao redor da mostra, tamén se está a artellar un intenso programa de actividades paralelas, en colaboración co Concello da Coruña, como encontros, conferencias e charlas abertas ao público que contarán coa presenza de especialistas internacionais na obra de Picasso. Afondarase nalgúns aspectos pouco coñecidos da súa traxectoria profesional e tamén sobre a súa etapa en Galicia. Ademais, poranse en marcha ciclos audiovisuais coa proxección de filmes e documentais que permitan coñecer máis sobre o autor, así como actividades musicais e educativas, dirixidas tanto aos escolares como ao público en xeral que incluirán visitas guiadas e obradoiros de pintura.
Conmemoracións oficiais
O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.
Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.
O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario