FITUR cata o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño
• Alcaldes e alcaldesas do territorio presentaron a campaña ‘Degusta’, na que se destaca o valor gastronómico do Xeodestino
O delegado do Goberno do Estado en Galicia, coa directora de Turismo de Galicia, e as alcaldesas e alcaldes dos concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, na inauguración de FITUR
Fotos: X.R. de Vigo e B.M.
Infogauda / Madrid
O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño desembarcou este mércores en FITUR (Feira Internacional de Turismo) que se celebra do 18 ao 22 deste mes de xaneiro no IFEMA (Instituto Feiral de Madrid), cun obxectivo claro: que as e os visitantes degustaran e saborearan cada recuncho do territorio. Fíxoo “cunha narración na que a protagonista é a gastronomía e as persoas profesionais cos que contamos para que os nosos produtos se ofrezan ás e aos turistas con calidade, exquisita preparación e cunha presentación que sorprende e deixa pegada”, como salientaba durante o acto de presentación o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez.
Todo conseguido, como sinalaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste Eu Rural e alcaldesa de Tomiño, grazas “ao esforzo colectivo dos 14 concellos que compoñen o Xeodestino, porque ese traballo xuntos e xuntas, en equipo, sen fisuras, é o que fai que sexamos máis fortes”. “É un orgullo ter sacado con este éxito o noso Xeodestino, que para nós supón un reto, para o noso territorio unha mellora e para os nosos veciños e veciñas unha nova forma de entender, gozar e divulgar todo o que temos”, recalcou.
Os verdadeiros e verdadeiras protagonistas da nova campaña presentada en FITUR, ‘Degusta Ría de Vigo e Baixo Miño’ foron os profesionais que están a facer un excelente traballo poñendo en valor os produtos locais do Xeodestino e ofrecendo ás e aos turistas a mellor versión do territorio. O chef de cociña do Hotel Talaso Atlántico e protagonista do vídeo central da campaña, Javier Fins, quen vive “fronte a unha praia marabillosa e traballo a pés do Atlántico máis salvaxe, un sitio que inspira, cun produto incomparable e con persoas produtoras e artesás de gran nivel que permiten crear menús como o que presentamos e que agardamos que veñades a desfrutar”.
José Manuel Fernández, mestre panadeiro do Pan do Porriño, do Forno de Mosende, agradeceu facer cada día o que lle gusta “nun lugar cunha tradición incrible e nunha das zonas de España onde a cultura do pan é das máis lonxevas. Con catro ou cinco ingredientes conseguimos crear un produto sinxelo e complexo á vez que acompaña nesta campaña a un produto e unha elaboración incribles”. Pola súa banda, Fátima Beamonte, artesá ceramista de Baiona e creadora das pezas nas que se emprata o menú do vídeo da campaña, explicou que as súas obras “están creadas inspirándome no lugar que me rodea, intentando transportar á e ao comensal aos lugares onde foron ideadas. Sempre é un reto incrible pensar en como o van beber, comer ou intuír os produtos que van conter”.
O acto de presentación en FITUR contou tamén coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que cualificou ao Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como a despensa do sur de Galicia e destacou a posta en valor polo produto local do territorio. Un aspecto no que tamén coincidiu José Manuel Miñones, delegado do Goberno do Estado en Galicia, que sinalou que “o Xeodestino é quen de espertar a necesidade de degustar este destino de visita obrigada”.
No acto participaron, entre outras autoridades, os alcaldes e alcaldesas do Xeodestino, Juan Antonio González Pérez, de Nigrán; Sandra González Álvarez, de Tomiño; Antonio Lomba Baz, de A Guarda; Carlos Gómez, de Baiona; Paco Ferreira, de Gondomar; Nidia Arévalo, de Mos; Alejandro Lorenzo, do Porriño; Ánxela Fernández Callís, do Rosal; Eloísa Nogueira, de Pazos de Borbén; Digna Rivas, de Redondela; Agustín Reguera, de Soutomaior e Enrique Cabaleiro, de Tui, ademais de concelleiros e concelleiras dos municipios do territorio e técnicos e técnicas do territorio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario