O PSdeG DE TOMIÑO REXEITA DESESTIMAR A ALEGACIÓN DO CSIF Á APROBACIÓN INICIAL DO ORZAMENTO MUNICIPAL
• Violeta de Santiago, voceira do PSdeG - PSOE: "Votar a favor desta desestimación sería votar a favor de non cumprir a lei"
Infogauda / Tomiño
No día de hoxe, 20 de xaneiro, no Concello de Tomiño celebrouse pleno extraordinario urxente cun único punto na orde do día: desestimar a alegación do CSIF á aprobación inicial do orzamento xeral municipal para o ano 2023.
A organización sindical presentou "reclamación á aprobación inicial do orzamento municipal baseada na falta de documentación na mesa xeral de negociación celebrada o pasado 23 de novembro de 2022." Ante a falta de documentos que lle impiden analizar a situación, solicitan "a suspensión da mesa, ou alomenos que non se negocie o punto relativo ós capítulos 1 e 2, ambas rexeitadas pola presidencia da mesa que representa ó Concello."
A CSIF (Central Sindical Independiente e de Funcionarios) denuncia que "coa aprobación inicial do orzamento non se negociou ningunha das cuestións que afectan ás condicións laborais do persoal funcionario e laboral, polo que se incumpre o previsto no artigo 37 da Lei 7/2007" e manifestan que "o Concello de Tomiño está a coartar o dereito á negociación efectiva e real."
"As concelleiras socialistas, por coherencia, votamos en contra da desestimación da alegación, pois xa na sesión celebrada en decembro para a aprobación inicial do documento, decidimos abandoar o pleno polas prácticas pouco democráticas do goberno do BNG", afirmou Violeta de Santiago, portavoz do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE. Dese xeito, as concelleiras socialistas pregúntanse "de que vale presumir de ser os primeiros en levar o orzamento xeral ao pleno en tempo e forma? Queda constatado que a forma non foi a correcta e agora temos o principal documento económico en suspenso pola nula transparencia e capacidade de negociación do goberno nacionalista."
Asemade Violeta de Santiago manifesta que "votar a favor desta desestimación sería votar a favor de non cumprir a lei", e lembra que "durante todo este mandato estamos lamentando a falta de democracia e transparencia deste goberno. A opacidade e as irregularidades chegan ata o punto de conculcar os dereitos fundamentais dos e das traballadoras, algo que non se pode consentir nin aceptar dun goberno que se supón é de esquerdas."
Ningún comentario:
Publicar un comentario