16 de xan. de 2023

PONTEVEDRA

O PP pide a Carmela Silva que non esquive a súa responsabilidade e anuncie axudas da Deputación para paliar danos ocasionados polo temporal  

Cubela lamenta que en cada situación de emerxencia a resposta do Goberno provincial do PSOE e BNG é sempre a mesma: poñerse de costas. “Fixérono na pandemia, na crise económica, e en calquera circunstancia excepcional na que a Deputación debería demostrar a súa utilidade”. 

No pleno provincial solicitarán que acepten a proposta da Xunta para asinar un convenio co Goberno central no que as tres administracións se comprometan a aportar os mesmos recursos para dar unha resposta conxunta.   


Jorge Cubela López, voceito do grupo provincial do Partido Popular


Infogauda / Pontevedra 

 O grupo provincial do Partido Popular pide á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que non esquive a súa responsabilidade e anuncie axudas da institución provincial para paliar danos ocasionados polo temporal nos concellos da provincia, principalmente no Baixo Miño. Por iso, no pleno deste mes proporán ao Goberno provincial “que acepten a proposta da Xunta para asinar un convenio conxunto tamén co Goberno central no que as tres administracións se comprometan a aportar os mesmos recursos para dar unha resposta conxunta nunha situación extraordinaria”.  

 O voceiro Jorge Cubela López lamenta que “en cada situación de emerxencia a resposta do Goberno provincial do PSOE e BNG é sempre a mesma: poñerse de costas. Fixérono na pandemia, na crise económica e en calquera outra circunstancia excepcional na que a Deputación de Pontevedra debería demostrar a súa utilidade”. Nesta liña, recorda que “é competencia das deputacións provinciais prestar apoio económico aos pequenos e medianos concellos. Pero o papel de Carmela Silva nesta institución é confrontrar permanentemente coa Xunta de Galicia, e o de César Mosquera, nin siquera el o sabe, xa que é vicepresidente dunha institución para a que reclama a súa desaparición”.  

 Con este panorama, di Cubela, “perdemos os de sempre, os pequenos e medianos concellos da provincia, que non teñen apoio nin na Deputación nin no Goberno central. A súa mellor defensa é pedir directamente axudas á Xunta de Galicia, porque a estas alturas, todos xa sabemos que é a única adminstración qeu está cumprindo cos concellos e cos galegos”.   

 Con todo, recorda que “a Deputación non só ten o deber de axudar, tamén ten a capacidade económica de facelo. Cuestión aparte é a vontade política”. E nesta liña, Cubela di que “visitar os concellos afectados é máis que facer unha foto, é asumir as competencias da Deputación de Pontevedra e ofrecerlles o apoio económico que precisan. Pero, como sempre, Carmela Silva volveu a demostrar que a Deputación de Pontevedra deixou de ser unha institución útil para os concellos e para a cidadanía da provincia”.   

 A moción que presentará o grupo provincial ao pleno reclamará “que a Deputación de Pontevedra acepte o convite da Xunta de Galicia para asinar un convenio conxunto co Goberno central e cos concellos da provincia afectados polos temporais”. 

 Finalmente, Jorge Cubela afirma: “A cidadanía reclama acordos e colaboración de todos para solucionar os seus problemas, e non que aproveiten a menor ocasión para abrir confrontacións políticas que non levan a ningunha parte”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario