17 de xan. de 2023

A GUARDA

O albergue municipal de A Guarda reabre as súas portas 

Ao longo do ano 2022 usaron esas instalacións municipais un total de 2.744 peregrinos  




Infogauda / A Guarda

 Despois do peche temporal no mes de decembro, coincidindo coas datas de maior redución do número de usuarios, o Concello de A Guarda reabre o albergue municipal de peregrinos.  

 Aproveitando o peche do albergue realizáronse tarefas de mantemento das instalacións.

 Desde o concello refiren que "os meses de menor afluencia de peregrinos son decembro e xaneiro. Os días tan curtos e a maior probabilidade de mal tempo son as razóns polas que os peregrinos evitan realizar o camiño nos meses de inverno. Tamén poden influír as celebracións de nadal.

 Unha vez rematadas estas datas o Concello de A Guarda realiza a reapertura deste servizo para continuar ofertando prazas de aloxamento no albergue municipal a todos os peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa."    

 O albergue municipal de A Guarda mantén o mesmo horario - de 14:00 a 20:30h - de luns a domingo, mantendo o mesmo criterio que a Rede de Albergues da Xunta de Galicia. Non se admite reserva previa e a admisión realízase por orde de chegada. Só se permite a estancia dunha noite, excepto se hai motivos de saúde que impidan continuar o camiño.  

 O albergue municipal de A Guarda abriu as súas portas na Semana Santa do ano 2011, xusto un ano despois de que se dese o primeiro paso co recoñecemento do Camiño Portugués da Costa, por parte da Xunta de Galicia. Grazas a este recoñecemento o Concello de A Guarda puido percibir unha subvención da Xunta de Galicia para habilitar o antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde como albergue e destinalo para a acollida de peregrinos.  

 Nestes anos foron máis de 18.000 peregrinos os que se aloxaron nestas instalacións municipais, e ao longo do ano 2022 fixéronno un total de 2.744 peregrinos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario