13 de xan. de 2023

A GUARDA

EHF European Cup

O regreso de Europa trae a volta do Mecalia Atlético Guardés á Sangriña  

 O equipo miñoto disputará a eliminatoria íntegra de oitavos de final da Copa Europea esta fin de semana en casa contra o H71 das Illas Feroe (sábado e domingo, 19:00) 

 Como xa sucedeu na rolda anterior, o Mecalia gozará do apoio da súa xente en ambos os encontros para tentar avanzar a cuartos 

 O conxunto feroés, novo e enérxico, chega á Guarda con ganas seguir adiante Cando A Sangriña entra en escena, todo cambia. 


O Pavillón Municipal A Sangriña acollerá esta fin de semana os encontros de ida e volta correspondentes a rolda de oitavos de final

Infogauda / Deportes

 Cando Europa aparece, todo é distinto. Demostrouno o Mecalia Atlético Guardés o mes pasado cando lle tocou facelo e espera repetir esta fin de semana. Será na rolda de oitavos de final da Copa Europea, que se disputará de forma íntegra no recinto guardés o sábado e o domingo (ambos os días ás 19:00, coas cámaras da TVG2 retransmitindo en directo) co H71 Hoyvík, das Illas Feroe como rival. Dous partidos para soñar. E máis despois da sensacional vitoria (20-26)  do conxunto de A Guarda na pista da poderoso Costa do Sol Málaga.  

 A vitoria do pasado mércores foi a primeira a domicilio deste curso. Encima, fronte a un candidato a todo e vixente campión de Copa. Máis que dous puntos. Unha inxección de moral espectacular para afrontar con máis garantías aínda unha segunda volta ligueira na que a escuadra miñota disputará en casa oito dos once encontros en xogo.  

 Iso será en Liga. Europa é o que ocupa agora. É o que ilusiona. O Mecalia Atlético Guardés facturou con senllos resultados contundentes os dous partidos que xogou no seu fogar. Foi hai un mes, na inauguración da reforma e ampliación do pavillón da Sangriña, co JuRo Unirek VZV neerlandés como rival. Nesa terceira rolda da competición continental, o Mecalia venceu na ida do sábado (37-22) e repetiu na volta do domingo (35-17).   

 A aspiración é repetir dobre vitoria. Pero, por encima de todo, o máis importante é pasar de rolda. Os cuartos de final esperan no horizonte e un impulso como o da Copa Europea é algo positivo para todo o demais. Así o entenden directiva, corpo técnico e xogadoras. Todos os estamentos do club están moi ilusionados con seguir subindo banzos. O seguinte chega do gran norte. Desde as Illas Feroe. O H71 é un habitual desta competición e o gran dominador da liga do seu país, un arquipélago situado no medio do Atlántico, entre Dinamarca -cuxa coroa ten ascendencia aí- e Islandia. Trátase dun persoal moi novo, con tan só unha xogadora de 25 anos e unha notable cantidade de deportistas por baixo da vintena. Xoga un balonmán enérxico e directo e poñerá toda a carne no asador para seguir viaxando por Europa. O club é nativo da localidade de Hoyvík, que, co seu crecemento das últimas décadas, pasou a ser un barrio da capital Tórsvhan, cuxo significado é, literalmente, Porto de Thor. Nesta ocasión, o porto que acollerá a acción será o de A Guarda, coa Sangriña como martelo e as xogadoras de vermello e branco exercendo de Deusas de Asgard.  

 As xogadoras recuperáronse ben da longa viaxe a Málaga. Sobre todo porque gañar non cansa. Fóra de Júlia Nuez, todas están dispoñibles para a dobre cita. Xa se sabe que o que pega primeiro, pega dúas veces. Por iso, o conxunto miñoto sairá a por todas desde o minuto 1 do sábado, en busca dun bo resultado que permita afrontar con plenas garantías a resolución do domingo.   

AXENDA 

EHF European Cup.

Oitavos de final  

Ida e volta 

H71-Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 14 de xaneiro e domingo, 15 (19:00) 

Pavillón Municipal A Sangriña (A Guarda).

Árbitros: Sabien Weber e Denis Weinquin (Países Baixos).

En directo, pola TVG2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario