O comité de Vitrasa modifica os paros parciais durante o Nadal para reclamar un convenio digno
Tamén desenvolverá concentracións diante do Concello de Vigo os días 20 e 28 de decembro
Comité de empresa de Vitrasa / Vigo
Dende o comité de empresa de Vitrasa informamos dos próximos pasos a dar neste intento de conseguir un avance na negociación do noso convenio, caducado desde 2020, así como unha mellora nas nosas condicións diarias que nos permita prestar un servizo de calidade, tal como a cidade de Vigo merece.
Tras un período de mobilizacións secundadas pola maioría do persoal, a quen agradecemos o seu apoio e animamos a seguir, lamentamos comunicar que, a pesar da boa disposición por parte da representación legal dos traballadores/as, a dirección non moveu un dedo para tentar buscar unha solución, facendo caso omiso, tanto a empresa como o Concello, ás numerosas queixas das persoas usuarias afectadas por esta situación.
Isto demostra o irrelevantes que son, tanto para AVANZA como para o CONCELLO DE VIGO, os pasaxeiros/as, que necesitan de maneira urxente que se renove o servizo con normalidade.
A pesar de ser un servizo público esencial, o alcalde en ningún momento tentou mediar nun conflito laboral que afecta a toda a cidadanía e é competencia municipal. Esta actitude de deixamento contrasta coa tomada polos rexedores doutras cidades (Ourense, Zaragoza, etc), nas que a súa intervención facilitou chegar a un acordo.
Por todo isto vémonos obrigados a continuar coas mobilizacións. A partir do día 23 de decembro modificaremos as xornadas e horarios de paros, pasando a realizarse da seguinte maneira:
Luns, mércores e venres (excepto festivos) de 18:30 a 20:30 e o xoves día 5 de xaneiro de 19:00 a 21:00 horas.
A partir do día 9 de xaneiro retomaremos os paros actuais.
Tamén realizaremos concentracións no Concello os días 20 e 28 de decembro ás 10 da mañá, ás que convidamos a acompañarnos tanto a traballadores/as como a usuarios/as, para deixar claro que estamos fartos/as desta situación e que esiximos unha solución.

Ningún comentario:
Publicar un comentario