Ángeles Vázquez valora o compromiso dos 39 concellos galardoados cos premios ‘Vilas en Flor’ co embelecemento da paisaxe urbana e rural
• A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na entrega destes galardóns
• Subliña o traballo que realizan estes municipios a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral
Foto: X.G.
Infogauda / Caldas de Reis
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor o compromiso dos 39 concellos galegos galardoados cos premios Vilas en Flor co embelecemento da paisaxe urbana e rural.
Durante a entrega destes premios, Ángeles Vázquez subliñou o traballo que realizan estes municipios a prol da mellora do medio ambiente e da calidade de vida dos seus veciños a través de proxectos de axardinamento e ornamentación floral. “Este esforzo contribúe a que Galicia sexa unha Comunidade cun alto valor paisaxístico, ambiental e natural”, engadiu.
A maiores salientou que son cada vez máis os concellos que apostan pola mellora dos espazos urbanos e pola súa xestión sostible. De feito, esta quinta edición dos galardóns Vilas en flor premia a 39 municipios, fronte aos 5 que recibiron esta distinción na súa primeira edición.
Nesa liña, Vilas de flor supón un importante recoñecemento á revitalización de espazos e servizos públicos mediante actuacións en torno a tres eixos clave: a conservación e o impulso do patrimonio vexetal e paisaxístico; o respecto polo medio ambiente e a sostibilidade, e o uso social e as sinerxías coa actividade turística.
A conselleira explicou que a Xunta comparte os obxectivos desta iniciativa e lembrou que o distintivo Bandeira Verde de Galicia, que se entrega anualmente desde 2020, tamén enxalza as prácticas máis respectuosas dos concellos en canto á protección do medio ambiente, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos. Segundo incidiu Ángeles Vázquez, “ambas iniciativas premian a conciencia, a implicación e acción, tres valores imprescindibles para o futuro e para a preservación medioambiental e da paisaxe”.
Para concluír, a conselleira destacou a relevancia de que os concellos pequenos tamén se beneficien da posta en valor das súas paisaxes xa que é un “activo fundamental tanto a nivel ambiental como económico xa que é un innegable atractivo turístico”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario