11 de dec. de 2022

A GUARDA

O TRADICIONAL BELÉN DA FAMILIA MARTÍNEZ XA LUCE BRILLANTE

 Pódese admirar na rúa Concepción Arenal, nº 31, na vila de A Guarda

 

O belén xa luce no escaparate da vivenda da familia Martínez
Fotos: Infogauda



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Continuando unha tradición que provén de fai moitos anos, a familia Martínez Martínez, presentou na tarde de hoxe o seu tradicional belén. 

 A recreación do humilde lugar onde a tradición cristiá sitúa o nacemento de Xesús, e súa contorna xeográfica, pode ollarse no escaparate da planta baixa do inmoble sito na rúa Concepcíon Arenal, nº 31, de A Guarda. Unha vez alí, os visitantes poderán apreciar o labor que presentan as vivendas da poboación, de arquitectura rural - construídas en pedra do país, con cuberta de tellas feitas á ghoucha (a man), a base de moito lasqueo (traballo) polos cabaqueiros (telleiros) da nosa zona,... - e inspiradas nun ambiente que evócanos o noso País, e de xeito máis concreto a comarca do Baixo Miño. E ata poderíamos decir que están representadas as terras do fraterno e veciño pobo do Rosal, cos seus cantareiros muiños hidráulicos do Folón e do Picón, onde nestas datas a abondosa auga baixa a cachón toda leda, cara o val. Tamén está unha heteroxénea ringleira de persoas (gandeiras, labregas, pastores, serranchíns, tendeiras,...), mulleres, homes e nenos que dan vida a esa aldea que está de festa pola inminente chegada do redentor que terá como berce un modesto presebe. A ese lugar, que polo de agora está valeiro ata noiteboa, chegarán María e Xosé, en procura de pousada. E alí terá lugar a máxima expresión do misterio do nacemento e a posterior adoración dos Reis Magos de Oriente. 

 O belen da familia Martínez Martínez convídanos a achegarnos a visitalo nestas datas de nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario