21 de dec. de 2022

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA FINANCIA CON 2 MILLÓNS DE EUROS O PROXECTO FOGARES SANXE, DA ASOCIACIÓN SAN XEROME EMILIANI 

 O proxecto, que permitirá construír 30 fogares inclusivos no antigo colexio das Carmelitas, de A Guarda, con capacidade para 60 persoas, recibe o importe máximo subvencionable por parte da Xunta de Galicia. 

 O xerente do Centro San Xerome, Feliciano Valcárcel, destaca que “con esta iniciativa damos resposta ao dereito de emancipación que teñen as persoas con diversidade  intelectual”  


Nais de usuarios, colaboradores e voluntarios do Centro San Xerome, diante do inmoble onde será construídas as vivendas do proxecto Fogares Sanxe

Foto: A. S. X.

Infogauda / A Guarda

 O obxetivo - construír 30 fogares inclusivos no antigo colexio das Carmelitas, de A Guarda, con capacidade para 60 persoas - que se propuxo a Asociación San Xerome, de A Guarda, está cada vez máis preto de lograrse. Esa moi boa nova, que vén de ser feita pública pola Asociación San Xerome, ten seu alicerce no feito de que a Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia acaba de conceder 2 millóns de euros á Asociación San Xerome Emiliani para a execución do proxecto FOGARES SANXE. Estes fondos están destinados a rehabilitar, acondicionar e urbanizar o inmoble do antigo colexio das Carmelitas de A Guarda, recibido en doazón pola asociación, e destinalo á construción de 30 fogares inclusivos, nos que vivirán 60 persoas con discapacidade intelectual da comarca do Baixo Miño.  

 FOGARES SANXE é unha solución residencial innovadora, centrada na persoa con discapacidade intelectual, que proporcionará a 60 delas o espazo e os apoios profesionais necesarios para que  poidan vivir de forma autónoma e independente.  

 “O modelo Coop-housing [que en galego vén a ser cooperativa de vivenda], pioneiro en Galicia, é o que mellor se adapta ás nosas expectativas”, explica o xerente da Asociación San Xerome Emiliani, Feliciano Valcárcel, “as persoas con diversidade que residan nos Fogares Sanxe, socias da primeira cooperativa de integración social de Galicia “FOGARES SANXE, S. Coop. Galega”, serán coxestoras dos seus propios fogares, vivirán neles sen afastarse da súa contorna, manterán a súa autonomía e poderán participar na toma de decisións. Ademais, contarán cunha ampla carta de servizos complementarios, con atención personalizada. Ao mesmo tempo os seus familiares recibirán apoio para a conciliación”.  

 Feliciano Valcárcel, destaca tamén que “as persoas con diversidade intelectual teñen o mesmo dereito a emanciparse, a vivir a súa vida independente cos apoios necesarios, como o resto das persoas sen diversidade intelectual. Os axentes políticos e sociais temos o deber de garantir o acceso a este Dereito. Grazas ao apoio e o financiamento recibido por parte da Xunta de Galicia, FOGARES SANXE convértese nunha realidade; o soño das nosas persoas e familias por fin materializado.” 

 O proxecto de rehabilitación do antigo colexio das Carmelitas levaráse a cabo de 2022 a 2025, segundo os prazos establecidos pola Xunta de Galicia. O financiamento recibido procede da axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation EU.  

 O proxecto FOGARES SANXE é un dos únicos 10 proxectos financiados pola Xunta, dos 57 que se presentaron. A cantidade recibida en subvención, 2 millóns de euros, é o importe máximo financiable establecido na convocatoria de axudas.  

FOGARES SANXE é un forte impulso para o desenvolvemento económico-territorial do Baixo Miño  

Valcárcel sinala que “a posta en marcha deste proxecto supoñerá un gran impacto para a economía do Baixo Miño, xa que permite investir preto de 6 millóns de euros no territorio, xerar máis de 30 empregos estables directos e 12 indirectos, fixar ao redor dun 2% da poboación na comarca; e á súa vez rehabilitar e humanizar un edificio histórico-patrimonial que forma parte da historia da Vila da Guarda e de todos os seus habitantes. Fogares Sanxe, ademais de apoiar ás familias das persoas con diversidade intelectual, serve para impulsar o desenvolvemento da nosa economía, revalorizar o noso patrimonio urbanístico, a nosa historia e a nosa comunidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario