28 de nov. de 2022

PONTEVEDRA

Celebración do Día do Colexiado do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra 

O COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA OUTORGA A MEDALLA DE OURO AO MÉRITO COLEXIAL A LUÍS AMARO CENDÓN 

• Os farmacéuticos de Pontevedra celebran o seu Día do Colexiado 

 No transcurso do acto, presidido polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, entregáronse as insignias de ouro, prata e esmalte da institución 


A presidenta do Colexio, Alba Soutelo, con  Luís Amaro Cendón, ao que se lle outorgou a Medalla de Ouro ao Mérito Colexial do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (1º pola der.); e o presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Jesús Aguilar Santamaría (1º pola esq.)


Infogauda / Pontevedra

 Os farmacéuticos de Pontevedra celebraron o Día do Colexiado, con motivo da festividade da súa patroa, a Inmaculada Concepción. 

 Máis de 150 persoas asistiron ao acto institucional presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e que contou coa participación do presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, Jesús Aguilar Santamaría. Nel recoñeceuse, coa entrega das insignias de ouro, prata e esmalte, aos colexiados que cumpriron este ano 50 e 25 anos como colexiados, e a aqueles farmacéuticos colexiados que se xubilaron desde a celebración do último Día do Colexiado. 

 O maior recoñecemento foi concedido a Luís Amaro Cendón, ao que se lle outorgou a Medalla de Ouro ao Mérito Colexial do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra polo seu labor como presidente da institución durante doce anos e como membro do Comité Directivo do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos durante vinte e un. 

 A presidenta do Colexio, Alba Soutelo, destacou a implicación e traballo constante de Luís Amaro durante os 27 anos nos que desempeñou cargos representativos da profesión farmacéutica, a cuxo crecemento contribuíu con proxectos como a posta en marcha da receita electrónica en Galicia. “Toda unha vida profesional de dedicación, entrega e compromiso que che fixeron merecedor do recoñecemento que hoxe che outorga o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, a súa Xunta de Goberno e os seus colexiados” sinalou a presidenta. 

 Pola súa banda, Luís Amaro agradeceu ao Colexio e á súa presidenta a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito Colexial, e a todos os que lle acompañaron na súa traxectoria, unha vida consagrada a traballar por e para a farmacia e ao servizo das institucións. Alba Soutelo destacou o labor do Colexio que “nos une a toda a profesión farmacéutica e lémbranos que somos unha única profesión exercendo en múltiples ámbitos”, e incidiu na importancia da profesionalidade e da unión e de “crear alianzas entre farmacéuticos de diferentes modalidades de exercicio e, sobre todo, entre niveis asistenciais: hospitalaria, primaria e comunitaria”. “Esta é unha das claves para atopar solucións de futuro e demostrar que os farmacéuticos somos necesarios en todos os ámbitos e que a nosa intervención profesional achega eficiencia ao sistema sanitario e mellora a calidade de vida e a saúde dos pacientes”, asegurou a presidenta. 

 O presidente do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos puxo en valor o labor profesional dos colexiados homenaxeados nos seus distintos ámbitos de exercicio profesional farmacéutico. Así mesmo, destacou o compromiso coa profesión do homenaxeado Luís Amaro e o seu transcendental labor especialmente nos últimos anos no Consello Xeral. 

 A clausura do acto institucional correu a cargo do conselleiro de Sanidade, quen agradeceu desde a Consellería de Sanidade o esforzo de Luís Amaro en levar adiante a receita electrónica galega e, tras felicitar a todos os colexiados homenaxeados, agradeceu o interese e a motivación dos farmacéuticos, a quen definiu como “un piar esencial do sistema público de saúde”. 

 O conselleiro destacou o labor dos farmacéuticos, especialmente durante a pandemia, “na que foron unha parte esencial e fundamental colaborando coas administracións sanitarias para romper a cadea de transmisión do virus”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario