17 de nov. de 2022

PEDORNES (OIA)

 XXXV SEMANA CULTURAL DE PEDORNES

 Organizada pola Asociación Cultural San Mamed




Manuel Ángel Pombal Diego / Pedornes

 Como xa é tradición, a Semana Cultural de Pedornes, que este ano celebra a edición número XXXV, organízase de luns a sábado e contempla  unha serie de actividades dirixidas aos máis cativos a partir das 18:00 h para, de seguido, continuar con diferentes torneos onde o que prima é a participación nun ambiente amigable, por riba do espírito  competitivo (aínda que, ás veces, é imposible escondelo!).  

 Os días máis "fortes" da Semana Cultural son o venres e o sábado, xusto os días nos que a actividade prolóngase un pouco máis debido a  que a maioría da veciñanza non ten que acudir ao seu posto de traballo ao día seguinte.  

 O venres comeza coa proxección dunha das sempre entretidas películas de Chicho, un veciño da parroquia que dispón dun interesante arquivo  das vivencias e actividades desenvolvidas en Pedornes dende os anos 70 do pasado século. Atoparse con veciños e veciñas desenvolvendo as  tradicionais tarefas do campo o celebrando as festas do pobo, moitos  dos cales xa nos deixaron, é sempre unha ledicia. Lembralos e telos  presentes de cando en vez, tamén é un acto de agradecemento por todo o  que fixeron e loitaron pola parroquia e por todos nós. Descoñecemos con que nos sorprenderá Chicho nesta ocasión, pero seguro que paga a  pena.  

 Máis tarde, despois do campionato de futbolín, realizarase o gran concurso de postres (sobremesas); sen xurado, polo que se resolverá  por sorteo, xa que o obxectivo, unha vez máis, é confraternizar e logo  degustar. Todos os asistentes poderán degustar as tartas e doces que  os veciños aportan desinteresadamente.  

 A continuación, toca traballar un pouco, non moito, para pelar  (escunchar) as castañas que se asarán ao día seguinte. A verdade é que  é un verdadeiro gustazo ver a toda a veciñanza implicarse na que  podemos considerar, sen medo a trabucarnos, como a mellor festa que  temos na parroquia. E como todo traballo ten a súa recompensa, unha  vez rematado, a organización convida a unha “chocolatada” acompañada  coas tartas e doces que quedan sobre as mesas. Todo iso, edulcorado  con música tradicional, polo que é ben recibido que os asistentes traian os seus instrumentos e gañas de facer festa e pasalo ben para  animar a noite.  

 Ao día seguinte, sábado, celébrase o día grande da Semana Cultural. Ás 18:00 h  comezarase cun espectáculo musical  titulado “Cadernos de  cores e cancións” especialmente dirixido, pero non só, ao público  infantil. De seguido, ás 19:00 h, o grupo de teatro local “O mellor de  cada casa” presentará a súa última obra titulada “O ángulo”. Seguro  que a representación sorprenderá a máis de un. Este grupo de teatro  afeccionado ten feito as delicias de veciños e visitantes coas súas  entretidas postas en escena. 

 A partir das 20:30 h, terá lugar a XXXVIII Festa do Magosto, con  castañas asadas, viño tinto do ano e refrescos, totalmente de balde  para todos os asistentes e onde a parte festiva estará a cargo do  grupo folclórico “Tralo Mosteiro” de Oia. 

 Aínda que as previsións meteorolóxicas non son as mellores, non será  un problema se chove, xa que, aparte do baixo do centro cultural,  contamos cunha gran e ampla carpa cubrindo o terreiro da festa. As  castañas e o viño serán as responsables de quecer o corpo e o ambiente.  

 Finalmente, a iso das 22:00 h entregaranse uns detalles aos gañadores  dos diferentes campionatos e celebrarase o sorteo das cestas de  produtos variados, que este ano superan a decena en número. A festa continuará até que o corpo aguante!  

 A verdade é que non hai mellor cousa, sobre todo neste mes de novembro  no que as tardes son ben curtas, que xuntar á veciñanza e compartir xogos durante unhas horas en amigable compañía. De feito, hai veciños  (non só de Pedornes), que están pendentes das datas de celebración para poder participar nas diferentes actividades. O ambiente que se  respira, fai que o que asiste unha vez, non lle queda máis remedio que repetir. Quedades, pois, convidados a participar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario