O Rosal retoma a súa San Silvestre
• Aberto o prazo de inscrición para a proba, que se celebrará o 31 de decembro cunha andaina para nenos e nenas e unha carreira non competitiva de 4 km
Infogauda / O Rosal
A tradicional carreira de San Silvestre chega de novo ao Rosal tras dous anos sen poder celebrarse por mor da situación sanitaria. Unha proba que volve ás rúas rosaleiras con máis forza se cabe e para a que xa está aberto o prazo de inscrición. Ata o vindeiro 27 de decembro as persoas interesadas poderán rexistrarse a través da web do Concello para participar en calquera das dúas probas que se realizarán: unha andaina pensada para o público infantil de 2,3 km e unha carreira non competitiva de 4 km.
A
andaina sairá ás 10.00 horas dende o pavillón municipal cara a Simón do Mazo
para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da Gandarela e Estrada
da Morraceira para continuar polo camiño Campo da Feira, a rúa Simón do Mazo e
rematar na renovada Praza do Calvario, un escenario único.
Alí
tamén rematará a carreira, que sairá ás 11.00 horas tamén dende o pavillón a
Simón do Mazo para percorrer a rúa dos Castros, Campo da Feira, Camiño da
Gandarela, Camiño da Laxe, Camiño Tiarxo, Camiño Laxe do Campo, Camiño a
Maceira, Estrada da Morraceira, Estrada de Furnos e Camiño Pampaloas para
continuar polo camiño Campo da Feira e a rúa Simón do Mazo ata a Praza do
Calvario.
As
persoas interesadas en participar nesta cita que cada fin de ano reúne a
rosaleiros e rosaleiras para desfrutar do deporte saudable ao aire libre dun
xeito divertido poden encher o formulario de inscrición cos seus datos
persoais. Os dorsais poderán ser
recollidos no Concello antes do día 31 de decembro ou o mesmo día das probas de
09.00 a 10.00 horas os e as participantes na andaina infantil e de 10.00 a
11.00 horas as persoas inscritas na carreira.
Como
é tradicional, non haberá categorías diferenciadas e ao remate da San Silvestre
todas as persoas participantes serán agasalladas cunha chocolatada e
participarán no sorteo de tres cestas de Nadal. Ademais, ás 12.00 horas haberá
badaladas e sesión vermú con Sapoconcho sem Poncho.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar nesta carreira “que retomamos con moitas ganas tras dous anos de parón pola COVID-19. É un momento para desfrutar xuntos e xuntas, sen límites, porque é unha actividade que pode facer calquera persoa ao seu ritmo, correndo ou camiñando, e que nos permite volver desfrutar do deporte todos e todas xuntas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario