15 de nov. de 2022

NIGRÁN

Máis de 30 empresas traballan xuntas pola dinamización turística no III Workshop do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño   

 As instalacións da cervexeira Trisk-Ale, no Porto do Molle de Nigrán, acolleron un novo encontro para fomentar sinerxías coas que crear novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino 


O representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González, nun momento da súa intervención
Fotos: X.R. de V. e B.M.


Infogauda / Nigrán

 “No Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño entendemos que a unión fai a forza. Por iso para nós a palabra clave é a cooperación e sabemos que en turismo debemos ir da man e colaborar para ser máis eficientes e efectivos nas nosas promocións, aproveitando fortalezas e minimizando debilidades”. Así explicaba o representante institucional do Xeodestino e alcalde de Nigrán, Juan A. González, a finalidade dos talleres de traballo postos en marcha pola Ría de Vigo e Baixo Miño, que este luns celebraba a súa terceira edición nas instalacións da cervexeira Trisk-Ale, no Porto do Molle.

 Unha cita que volveu congregar a máis de 30 empresas de diferentes sectores dos 14 concellos do xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) e doutros puntos da provincia para facilitar unha primeira toma de contacto entre entidades e favorecer a creación de sinerxías de presente e de futuro que dean lugar a novos produtos turísticos que promocionen o territorio como destino. “Queremos axudar a poñer en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles que incidan no compoñente experimental para achegar un plus de valor ás persoas que nos visitan. E para acadar este fin temos que por en mans das empresas as ferramentas necesarias que lles permitan crear e comercializar produtos e servizos baseados nos nosos recursos, como poden ser estes encontros”, salientou González.


Unha cita que volveu congregar a máis de 30 empresas de diferentes sectores dos 14 concellos do xeodestino

 Unha aposta por poñer en contacto ás empresas que quixo gabar a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, que resaltou o importante músculo turístico do territorio e da provincia. “Temos que poñer en valor ás nosas e nosos produtores, porque sen eles o sector turístico nin existiría nin tería razón de ser. Só así poderemos seguir avanzando e seguir facendo da provincia un referente en turismo de calidade para toda España”, recalcou.

 Pola súa banda o xefe da área provincial de Pontevedra de Turismo de Galicia, Felipe Ferrero, resaltou que “workshops como o que estamos a celebrar hoxe son unha iniciativa fundamental para que todos os sectores se comuniquen e complementen para potenciar o turismo no territorio”.

 González quixo recalcar que “queremos que o Xeodestino axude a por en marcha iniciativas de calidade, innovadoras, seguras e sostibles, que incidan no compoñente experimental para achegar un plus de valor ás persoas que nos visitan. E para acadar este fin temos que por na man das empresas as ferramentas necesarias que lles permitan crear e comercializar produtos e servizos baseados nos nosos recursos, como poden ser actividades como o workshop que estamos a desenvolver”.

 Un aspecto que tamén quixo salientar a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que salientou a importancia que ten o Camiño de Santiago para o sector turístico no concello que gabou a realización “destes encontros entre entidades de diferentes sectores que son un xeito de poder coñecervos entre vós e de dar máis pulo ás vosas empresas. Estou convencida de que será un éxito tan grande como a primeira edición celebrada hai un ano en Tui”.

 Pola súa banda, Felipe Ferrero, xefe da área provincial de Pontevedra de Turismo de Galicia, destacou o papel que xoga o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño no desenvolvemento de este tipo de encontros “para que o territorio teña unha presenza propio con todo o que as e os visitantes precisan e demandan”. “Estas reunións son vitais non solo no eido turístico, senón tamén en todos os sectores, porque creando redes podemos facer que as persoas que nos visitan marchen coa sensación de ter vivido unhas boas vacacións e recibido un bo servizo”, asegurou.

 Nesta ocasión, tras a recepción institucional, as empresas participantes puideron coñecer dous novos casos de éxito e boas prácticas no eido turístico. Así, Nacho Crespo, da Quinta de San Amaro, en Meaño, contou a historia deste hotel e restaurante con encanto que chegou a montar neste recuncho de Galicia tras vender a súa empresa e a súa casa en Madrid. Xa con 15 anos de vida, Crespo resaltou o éxito que a quinta tivo dende un principio, “o que fai que ás veces te asustes e cometas moitos erros”. “Pero fomos quen de adaptarnos á realidade e ás circunstancias, a reinventarnos coa crise do 2012 mirando cara ao estranxeiro e potenciando a nosa internacionalización, algo que fixo que aínda hoxe en día o 60% da nosa clientela sexa de fóra de España”, explicou ás e aos asistentes. Para Crespo “o reto do turismo é manterse con constancia, intentando levar unha liña moi persoal, cun criterio propio que che permita ata equivocarte”. Destacou tamén a integración na comunidade da vila e a aposta polos provedores locais. “Estar onde estamos fixo que sexamos un produto máis auténtico e sostible”, aseverou.

 Pola súa parte, Pablo Mariño contou o nacemento e evolución de Bluscus, a primeira axencia de viaxes especializada en turismo mariñeiro de Galicia, agora xa convertido en operador turístico. “Criamos que a nosa comunidade tiña moito potencial en todo o relacionado co mar e cos nosos ríos, por iso apostamos por facer vivir á nosa clientela experiencias distintas vinculadas aos produtos e produtores locais. Queriamos vivir o mar coa xente do mar”, explicou durante o encontro.

 Como é habitual nestes encontros, tras as presentacións leváronse a cabo unha serie de reunións rápidas coas que establecer os primeiros contactos comerciais con outras empresas dentro dun evento dinámico e áxil co que fomentar colaboracións e sinerxías. Para rematar deuse paso a unha degustación de produtos do territorio que contou coa especial colaboración da propia Trisk-Ale e das empresas locais Calabizo e ChupiPostres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario