15 de nov. de 2022

A GUARDA

A obra de teatro “As que limpan” vai chegar ata A Guarda 

 Da man do programa Tornar as Táboas da Deputación de Pontevedra  

• As entradas poderán retirarse a partir deste xoves día 17 de novembro ás 9:00h de xeito en liña ou presencialmente na recepción do Concello.  


Un momento da representación teatal As que limpan”, última proposta da compañía A Panadaría

Infogauda / A Guarda

 O vindeiro xoves día 24 de novembro chegará a nosa vila a que é sen dúbida a obra da temporada: “As que limpan”, última proposta da compañía A Panadaría. 

 Desde a concellería de Cultura do Concello de A Guarda refiren: "Esta función aborda a loita das camareiras de piso dos hoteis por conseguiren uns dereitos laborais e sociais xustos, nun mundo, o das cadeas hoteleiras e o do turismo que se impón no século XXI como modelo do desenvolvemento económico. A obra por tanto fai repensarse as relacións laborais, o reparto da riqueza e o funcionamento dun sistema avaricioso e inxusto. Así mesmo fai repensar non só a loita de clase senón tamén a loita de xénero nunha sociedade na que a muller segue asumindo o rol dos coidados, tan importante e tan menosprezado e tan silenciado. É por isto que a obra se representará o xoves 24 de novembro, na véspera do Día Internacional contra violencia machista, para evidenciar unha nova forma de discriminación sobre a muller."  

 A produción que contou coa colaboración do Centro Dramático Nacional está a ser todo un éxito, percorrendo non só a xeografía galega senón tamén a española. E é que a compañía composta por Areta, Ailén e Noelia conseguiu erixirse en todo un referente polo seu particular modo de facer teatro, mesturando o humor e a reivindicación dun xeito moi persoal e característico.   

 Entre o respectable público de A Guarda son vellas coñecidas pois xa estiveron coa súa primeira representación Pan! Pan!, e posteriormente con Elisa e Marcela. Desta volta acuden ata a nosa vila grazas ao ciclo de teatro “Tornar as Táboas”,  da Deputación de Pontevedra

 Para acudir á representación é preciso retirar as entradas previamente dende o día 17 de novembro ás 9:00h. Poderán retirarse de forma presencial na recepción do Concello en horario de 9 a 14h., ou de xeito en liña a través da ligazón: https://www.eventbrite.es/o/concello-da-guarda-35370803503 

Ningún comentario:

Publicar un comentario