O Trail do Trega chega á súa novena edición
• A proba deportiva, que forma parte da Pontevedra Trail League, terá lugar na Guarda este domingo día 20 de novembro, contando xa con máis de 300 deportistas inscritos.
• 16 quilómetros de percorrido e 800 metros de desnivel positivo coas mellores vistas e entorno natural de Galicia, no Monte Santa Trega.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Coa asistencia de Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda; Mª Montserrat Magallanes Álvarez, concelleira de Deportes; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude; e Serafín Acevedo, coordinador da proba deportiva, na mañá deste martes día 15 de novembro tivo lugar a presentación da IX edición do Trail do Trega.
As inscricións para a IX edición do Trail do Trega, evento que forma parte da Pontevedra Trail League e que este ano celebrarase o domingo 20 de novembro, contando co apoio do Concello de A Guarda e das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de A Guarda e de Camposancos, respectivamente, rematan ás 00:00h deste mércores día 16 de novembro.
O Trail do Trega é unha proba deportiva que este ano terá un percorrido de 16 quilómetros cun desnivel positivo de 800 metros, contando coas mellores vistas e entorno natural de Galicia como é o Monte de Santa Trega.
A proba transcorrerá 100% polo Monte Santa Trega, un dos lugares máis visitados da xeografía galega. A carreira non ten un desnivel significativo pero o cambio de terreo constante, a orografía, climatoloxía farán que sexa unha proba dura e para a que se necesita unha boa preparación. Establécense 4 categorías de competición: Absoluto (masculino e feminino), Sénior (masculino e feminino), Veteranos 40 (masculino e feminino) e Veteranos 50 (masculino e feminino).
A organización habilitará dous avituallamentos no percorrido e paralelamente celebrarase unha andaina de 10 quilómetros con guía incluído.
A saída da andaina será ás 10:00h e a saída da carreira ás 10:30h dende a Alameda de A Guarda. A entrega de premios será sobre ás 13:00h, onde se coñecerán aos gañadores e gañadoras da Pontevedra Trail League, entregándose os premios aos gañadores e gañadoras absolutos, así coma aos empradroados na Guarda.
As inscricións están abertas a través da seguinte ligazón: https://bit.ly/3S0b7aD e toda a información da carreira se pode consultar na web oficial da proba: www.traildotrega.com
Mª Montserrat Magallanes, concelleira de Deportes do Concello de A Guarda, destaca a importancia deste tipo de eventos para a dinamización deportiva da Guarda e da súa comarca, un evento ao que asisten numerosos participantes de toda a xeografía galega e de Portugal, promovendo tamén o turismo e a gastronomía local.
Para Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, o Trail do Trega é un evento deportivo que transcorre nun dos emblemas galegos e na xoia máis importante da Guarda como é o Monte Santa Trega, un espazo que gozarán os amantes do deporte este domingo cando visiten A Guarda.
Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude, indicou que este é un espazo idílico para un evento deportivo destas características, manifestando o apoio da Deputación de Pontevedra a esta proba, incluída na Pontevedra Trail League.
Serafín Acevedo, coordinador do Trail do Trega, destacou que é unha proba xa consolidada no calendario anual de Trails en Galicia, contando cunha alta participación de persoas de toda a xeografía galega, española e tamén do país veciños con numerosos portugueses inscritos, agardando contar con preto de 400 corredores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario