O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño acusan ó Goberno Municipal dunha nefasta xestión política e económica
As concelleiras socialistas definen "este último mandato do Bloque, como a confirmación dun goberno esgotado e desgastado, que tan só actúa por impulsos electoralistas
Infogauda / Tomiño
No pleno ordinario celebrado o pasado xoves, debido a unha nova modificación de crédito, consistente nun suplemento de crédito por valor de 346.223,92 euros, para poder facer fronte a partidas orzamentarias que están sendo incrementadas polo aumento dos prezos dalgunhas materias primas, as concelleiras Violeta de Santiago e Mirta Misa, do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Tomiño, criticaron "a postura do goberno nacionalista ante un grave problema económico no noso Concello."
"Si ben é certo que a situación actual, a nivel mundial era difícil de prever, tamén é certo que xa no Pleno onde se aprobou o orzamento municipal, quedou constancia de que este sería un ano complicado a nivel económico." Polo tanto, e con esta coxuntura, a voceira socialista no Concello de Tomiño, Violeta de Santiago, cualifica de "nefasta xestión, froito de decisións políticas, encadenar modificacións de crédito levadas ó Pleno para acometer obras non prioritarias cun claro afán electoralista neste ano de precampaña".
"O efecto destas decisións é que na actualidade o noso Concello teña as arcas municipais baleiras e o remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros fundido. Ata o punto de que pode perigar o o pago do suministro eléctrico este mes, en verbas de Intervención", algo que as concelleiras socialistas cualifican de "moi grave" e pregúntanse "que pasará en caso de que se produza unha emerxencia social en Tomiño."
"Esta crise afecta tamén - segundo refire Violeta de Santiago - á obra da futura biblioteca municipal, que neste momento está parada e non se descarta que a empresa adxudicataria renuncie a rematala.
O proxecto estrela do BNG na campaña electoral do 2007, e que foi presentado hai 5 anos, que endebedou a Tomiño en 1 millón de euros máis, e comprometeu fondos do programa Reacpon da Deputación de Pontevedra, pode que quede nun esqueleto de puro formigón afondando no feísmo urbanístico, e o que é peor, a veciñanza sen ese esencial servizo." Por todo isto as concelleiras socialistas definen "este último mandato do Bloque, como a confirmación dun goberno esgotado e desgastado, que tan só actúa por impulsos electoralistas, e que levaron a Tomiño a unha situación económica realmente preocupante."
Ningún comentario:
Publicar un comentario