O alcalde Sánchez Bugallo recibe a 35 peregrinas e peregrinos que percorreron o Camiño pola saúde mental
• Tras andar 100 quilómetros do Camiño Primitivo durante 10 etapas, as peregrinas e peregrinos de Saúde Mental FEAFES Galicia chegan á capital galega mañá, xoves 27 de outubro.
• Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contra o estigma que sofre o colectivo.
As persoas que realizaron este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Saúde Mental Ferrol (Narón), Alume (Lugo), Doa (Cangas e Vigo), APEM (Coruña) e ao Club de Ocio da federación en Santiago de Compostela
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
Saúde Mental FEAFES Galicia está a realizar o Camiño de Santiago por décimo segundo ano, unha actividade na que participaron arredor de 35 peregrinas e peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitoras acompañantes.
O percorrido comezou o 5 de maio en Lugo e contou cun total de 100 quilómetros, os necesarios para conseguir a merecida Compostelana. A ruta realizouse en 10 etapas ao longo dos últimos 5 meses e culminará mañá, xoves 27 de outubro, coa chegada á Praza do Obradoiro arredor das 13:00.
A continuación, ás 14:00, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e outros membros da corporación municipal, que darán a benvida ás peregrinas e peregrinos. Despois, para despedir a actividade, gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico.
As persoas que realizaron este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Saúde Mental Ferrol (Narón), Alume (Lugo), Doa (Cangas e Vigo), APEM (Coruña) e ao Club de Ocio da federación en Santiago de Compostela.
As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.
Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.
Esta viaxe de 10 días tamén serviu para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que as persoas participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario