O Concello continúa coa transformación do núcleo urbano do Rosal
• As obras de reforma na contorna do Calvario permitirán seguir recuperando espazos para as persoas, mellorar a accesibilidade e dispoñer de aparcamentos máis eficientes
Infogauda / O Rosal
O Concello
do Rosal continúa a traballar para converter o núcleo urbano do municipio nun
espazo de calidade, sen barreiras, inclusivo e accesible. O Goberno local ven
de adxudicar as obras de reforma da contorna do Calvario, un proxecto co que se
busca “seguir recuperando o epicentro da nosa actividade económica, social e
convivencia e transformando O Rosal nun concello moderno e amable no que as
persoas estean no centro de cada actuación”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández
Callís.
O
obxectivo destas obras será mellorar o pavimento e a accesibilidade peonil na
contorna, continuar coa recuperación de espazos amables para as persoas e
dispoñer de aparcamentos máis eficientes “incorporando os criterios de calidade
urbana, accesibilidade, seguranza e melloras ambientais que xa se aplicaron na
transformación da propia Praza do Calvario”.
Estes
traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, implicarán actuacións
na contorna do pavillón, nas rúas Manuel Suárez Marquier e Cabaqueiros e o
tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas as dúas rúas ata a Travesía Simón
do Mazo, así como obras na rúa Nova do Couso dende o seu cruce coa Travesía do
Couso ata a rúa do Couso, incluíndo o seu tramo entre as rúas Pascuala e Jesús
Noya.
Cun
orzamento de case 170.000 euros, con estas obras procederase á recuperación do
pavimento e das marcas viarias, así como a unha formalización do espazo peonil,
incorporando bandas de estacionamento acompañadas por espazos verdes con arboreda
que lle dará calidade espacial á zona e achegarán as súas tradicionais funcións
de sombra e captación de carbono. Ademais, incorporaranse nos pasos de peóns
plataformas que permitan a incorporación dun vado para mellorar a
accesibilidade ás beirarrúas.
“Temos
unha Praza do Calvario totalmente renovada, unha zona urbana e comercial
revitalizada a través dun deseño de praza unitario, atractivo e dinámico co que
poñer en valor a historia da vila e o seu patrimonio pero co que tamén xeramos
un espazo público de estancia, convivencia e lecer de alta calidade. Con estes
traballos continuamos dotando toda a contorna dos espazos que a veciñanza se
merece”, recalca a rexedora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario