Música e Viño no teu Camiño baixa o pano da súa segunda edición con cinco novas citas
Haberá actuacións no Porriño, Oia, Gondomar, Soutomaior e Tui. En caso de choiva os concertos trasladaranse a recintos cubertos EuRural e Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño organizan este programa ao abeiro de ‘O teu Xacobeo’
Infogauda / Comarcas
O programa ‘Música e Viño no teu Camiño’ baixa
esta semana o pano despois dun mes de concertos cos que Eu Rural e o Xeodestino
Ría de Vigo e Baixo Miño buscaban dar visibilidade a grupos emerxentes do
territorio ao tempo que se xeran espazos de encontro e lecer nos que gozar da
boa música e dos viños con DO Rías Baixas e da gastronomía local nos
establecementos hostaleiros da contorna. Será un peche de ciclo con cinco novas
citas abertas a todos os públicos en cinco novos concellos do territorio.
A fin de semana de música arranca o mesmo venres
21 de outubro no Porriño coa actuación de Raúl Ben. O músico,
produtor, compositor e arranxista porriñés chegará á Praza do Concello ás 19.00
horas co seu estilo influenciado polo pop acústico, o blues, o jazz, os ritmos
latinos e polas letras dos grandes cantautores de fala hispana, que fai que os
seus temas estean cheos de matices moi diferentes e que a sensibilidade sexa
unha das súas maiores fortalezas.
O sábado 22 a música continuará na Praza
Centinela de Oia coa sesión vermú ás 13.00 horas a cargo de Awen.
Os vigueses subirán ao escenario co seu formato acústico ameno, co que farán
pasar un bo rato ao público coas súas versións de pop, rock, soul e blues e co
seu propio repertorio. Xa pola tarde será a quenda de Acevedos Delgados,
que desembarcará na Praza de Rosalía de Castro de Gondomar ás 19.00
horas cunha sesión de pop rock de versións e temas propios cos que amenizar
o ambiente.
O domingo 23 de outubro haberá a segunda
edición deste ciclo musical pechará as súas portas con dúas novas actuacións. Á
Praza de Talorio de Soutomaior chegará o dúo musical 2Tipos, que
conectarán co público nunha sesión vermú ás 13.00 h cun amplísimo
repertorio que incluirá coñecidos éxitos nacionais e internacionais, clásicos e
contemporáneos. A voz e a música de Up2You porá o broche de ouro a un
mes de música co seu concerto ás 19.00 h na Praza de San Fernando de Tui.
Dous experimentados músicos que proporán ao público un repertorio que pasa do
rock ao soul con toques de country e algunhas pinceladas do mellor pop dos anos
70 e 80.
Todos os concertos son gratuítos e abertos a todos
os públicos. En caso de choiva as actuacións trasladaranse a recintos cubertos
e informarase do cambio de ubicación a través das redes sociais e da páxina web
de Eu Rural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño. ‘Música e Viño no teu
Camiño’ desenvólvese ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, impulsado pola Xunta
de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario