A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu a Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron os datos das infraccións penais rexistradas na provincia durante o verán
Maica Larriba asegura que a ocupación non é un problema na provincia de Pontevedra
· A subdelegada lamentou que durante os meses de xullo e agosto arderan en Pontevedra 2.267 hectáreas
· Os datos rexistrados na provincia evidencian un lixeiro aumento dos delitos leves
· A ciberdelincuencia segue medrando e acapara xa un terzo das infraccións denunciadas ante a Garda Civil
Infogauda / Pontevedra
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os meses de xullo e agosto. Acudiron ao encontro diversos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, entre os que se atopaban o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.
A comparativa interanual realizouse tendo en conta os mesmos meses de 2019 e non os de 2020 ou 2021, xa que estas exercicios foron anómalas debido ao confinamento e outras medidas e restricións derivadas da situación sanitaria.
Tras analizar os datos achegados polos principais mandos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado da provincia, a subdelegada concluíu que “estes son, en liñas xerais, bos. Non obstante, rexístrase un lixeiro aumento dos delitos leves, tales como os furtos, os danos ou as lesións. Este aumento obsérvase en todas as cidades da provincia e está, en moitas ocasións, ligado ao ocio nocturno”.
Con todo, os meses de xullo e agosto, en comparación co mesmo período do 2019, rexistraron un descenso dos roubos con forza, tanto en vivendas como en establecementos, e dos delitos contra a liberdade sexual.
Atendendo ao cómputo global das infraccións penais, estas descenden na demarcación da Policía Nacional —é dicir, nas principais cidades da provincia— nun 5,37 %, pero sofren un pequeno reponte no ámbito territorial da Garda Civil.
Por cidades
En relación ás cifras globais rexistradas nas catro principais cidades da provincia durante os meses de xullo e agosto de 2022, a subdelegada explicou que estas seguen a tendencia provincial. Deste xeito, en Pontevedra descenden os delitos contra a liberdade sexual e os roubos con forza en vivendas e establecementos. Neste último caso, Maica Larriba destacou que a baixada foi superior ao 90 % e informou de que, na mesma liña dos datos provinciais, incrementáronse os furtos. En total, na cidade de Pontevedra producíronse 38 furtos durante os meses de xullo e agosto, o que supón un lixeiro aumento con respecto ao 2019.
En Vigo, rexistrouse tamén unha baixada do 6 % nos delitos contra a liberdade sexual, do 15 % nos roubos con forza en vivendas e do 80 % nos roubos con forza en establecementos. Neste sentido, a subdelegada destacou de que na cidade se rexistraron durante os meses de xullo e agosto deste ano un total de 15 roubos con forza en establecementos, fronte aos 79 denunciados no 2019. Con todo, na cidade constátase un aumento da subtracción en vehículos, así como dos furtos, lesións e danos leves.
A subdelegada quixo sinalar tamén que en Vilagarcía non se produciu ningún delito contra a liberdade sexual durante os meses de xullo e agosto deste ano. Así mesmo, Maica Larriba valorou positivamente o descenso, dun 50 %, dos delitos de subtracción de vehículos e en vehículos, así como dos roubos en vivendas. De novo, esta cidade rexistrou un leve incremento dos delitos leves de furto, lesións e danos vinculados estreitamente ao ocio nocturno.
Por último, en Marín, aínda que descenderon á metade os roubos con forza en establecementos, rexistrouse un importante aumento dos roubos con forza en vivendas, pasando dun roubo rexistrado nos meses de xullo e agosto de 2019 aos 4 rexistrados no mesmo período de este ano. E aínda que tamén se incrementan os danos leves, a subdelegada destacou que esta é a única cidade na que descenden os furtos, nun 30 %, e as lesións, manténdose a un nivel similar ao rexistrado no 2019.
No cómputo global, a subdelegada sinalou que as infraccións penais descenderon nas cidades de Pontevedra e Marín, nun 6 % e 13,28 % respectivamente, e aumentaron en Vigo, nun 7 %, e en Vilagarcía, nun 15 %.
Unha de cada tres infraccións procesadas pola Garda Civil, ciberdelitos
Alén das cidades, no resto de vilas e municipios da provincia obsérvase un lixeiro aumento da taxa de delincuencia con respecto ao ano anterior. “Unha subida que está moi relacionado co crecemento dos ciberdelitos, que lastras as estatísticas e que xa supoñen un terzo das infraccións procesadas pola Garda Civil”, explicou a subdelegada.
A ocupación na provincia
A subdelegada do Goberno analizou xunto aos mandos policiais as cifras de ocupación, “que evidencian que esta non é un problema na nosa provincia”. Neste sentido, a subdelegada informou de que as ocupacións baixaron, no que vai de ano e con respecto ao 2021, un 10 % en toda a provincia, destacando o caso de Vigo, onde se rexistra unha caída do 47 %.
A este respecto, Maica Larriba quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza, “xa que as ocupacións non son significativas na nosa provincia, onde este tipo de infraccións se producen nun 70 % dos casos en vivendas abandonadas ou propiedades baleiras pertencentes a bancos ou grandes tenedores”. Así mesmo, a subdelegada subliñou que moitos destes ocupantes son persoas en risco de exclusión social e clara vulnerabilidade.
2.267 hectáreas queimadas este verán
Así mesmo, Maica Larriba lamentou os datos relativos aos incendios forestais na provincia, que do 1 de xullo ao 13 de setembro queimaron 2.267 hectáreas, nun 70 % de superficie arborada. Durante este período, detectáronse un total de 392 lumes. “Tristemente, estas cifras son moi superiores ás rexistradas nos mesmos meses do ano pasado, cando arderon tan só 21,75 hectáreas e se produciron 126 lumes”, explicou a subdelegada.
A Garda Civil investigou a 9 persoas e realizou 1 detención relacionada cos incendios deste verán na provincia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario