29 de set. de 2022

OIA

O PP vota en contra da moción presentada polo PSdG-PSOE 

Na que se propuña a mellora do servizo de electricidade no municipio de Oia 


Gerardo Rodríguez Refojos, secretario xeral do PSdG-PSOE de Oia

Infogauda / Oia

 Este xoves día 29 de setembro tivo lugar na Casa do concello de Oia, unha sesión plenaria na cal, entre outros asuntos a tratar, o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción na que se pedía “a inmediata renovación de todas as infraestruturas obsoletas por parte da subministradora de electricidade no municipio.”

 En palabras de Gerardo Rodríguez Refojos, secretario xeral do PSdG-PSOE de Oia, “esta moción ven motivada ante os sucesivos cortes do subministro acaecidos nos pasados meses de xullo agosto e setembro, en pleno verán e co auxe do Camiño Portugués da Costa motivado polo ano Xacobeo, moitos establecementos de hostalaría tiveron graves perdas e mesmo tiveron que pechar por mor desta situación, coas respectivas queixas e malestar dos seus clientes.” 

 Falamos - engade o portavoz do Grupo Municipal do PSdG-PSOE de Oia - dun dos principais motores económicos do municipio, todos vencellados ao turismo, como son restaurantes, hoteis, albergues.…. entre outros. Moito máis significativo é este problema cando as eléctricas teñen subido as súas tarifas exponencialmente nos últimos tempos, polo que dende o Grupo Municipal Socialista vemos de obrigado cumprimento estas reclamacións feitas ante o pleno mediante unha moción.” 

 A sorpresa para os Socialistas de Oia “foi cando esta moción foi votada en contra polo Partido Popular, de Cristina Correa, coñecedora da situación vivida este verán por moitos dos veciños e veciñas, empresarios e empresarias do seu municipio.”

 “Para máis INRI, este mediodía, despois do pleno, o Concello de Oia remite aos medios de comunicación unha nota de prensa na que se fala dunha reunión da alcaldesa solicitando melloras á compañía subministradora de electricidade”, ao que Gerardo Rodríguez indica: “Votamos en pleno unha cousa e despois facemos completamente o contrario fora, o que deixa en moi mal lugar á alcaldesa do PP.  

 Fora de partidismos e cores políticas, por riba de todo está o servizo á cidadanía e a atención ás reclamacións dos seus veciños e veciñas, cousa que neste caso, afortunadamente e grazas á moción do PSdG-PSOE, parece que conseguimos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario