O Concello vai inaugurar con toda a veciñanza, a rehabilitada Escola Unitaria de Pías
Este domingo día 11 de setembro, ás 12.00 horas o centro acollerá a presentación das novas aulas cun contacontos
Infogauda / O Rosal
O
Rosal vai inaugurar a súa renovada Escola Unitaria de Pías por todo o alto. O
Concello organiza este domingo 11 de setembro un acto inaugural aberto a toda a
veciñanza pero pensado especialmente para público infantil, xa que nenos e
nenas serán os usuarios finais destas novas instalacións. “Queremos que todos
os rosaleiros e rosaleiras coñezan esta obra que marca un antes e un despois na
rehabilitación de edificacións municipais e de gran valor patrimonial do noso
concello”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A
inauguración comezará ás 12.00 horas cunha presentación das aulas despois de
todas as obras de reforma realizadas nos últimos meses, e continuará coa
representación ‘Staccato & Legato’ de Maga da Voz, un contaconto do libro
de Marisa Núñez ‘Lucinda e o inspector vinagre’ no que as familias participarán
activamente a través de diversos xogos de música, movemento e expresión
corporal para experimentar e integrar as emocións que unen e separan.
Con
estas obras o Concello do Rosal continúa pola súa aposta por reforzar e
modernizar a educación de proximidade. Os traballos de reforma permitiron
transformar o centro en termos de eficiencia enerxética, con intervencións
destinadas a reducir ao mínimo o consumo e a mellorar en gran medida o confort
interior do edificio para nenas, nenos e profesorado.
Pías é a primeira dos seis centros educativos do rural nos que o Concello investirá 200.000 euros en accións de mellora e conservación deste patrimonio arquitectónico, converténdoos en espazos modernos e sostibles que “fomenten este tipo de educación e axuden a fixar poboación e a manter viva a nosa contorna”. Un traballo que camiña da man doutros dos eixos estratéxicos do goberno municipal rosaleiro, mellorar progresivamente a eficiencia enerxética de todos os edificios de titularidade pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario