O Rosal fomenta a inclusión xogando
A primeira edición dos ‘Xogos da empatía’ terá lugar o domingo 9 de outubro, dentro da programación da Feira do Viño do Rosal
Será unha xornada lúdica onde nenos, nenas e maiores poderán desfrutar de actividades de deporte adaptado. Xa están abertas as inscricións
Foto: C.O R.
Infogauda / O Rosal
Fomentar
valores como a empatía, o compañeirismo, o respecto e a solidariedade dun xeito
lúdico e divertido. Ese é o obxectivo co que nacen os ‘Xogos da empatía’, unha
xornada de carácter non competitivo posta en marcha polo Concello do Rosal en
colaboración coas asociacións na que nenos, nenas e maiores poderán achegarse a
diferentes actividades deportivas adaptadas, dando así un paso máis para
converter O Rosal nun concello 100% inclusivo, tamén a nivel social.
“Esta
iniciativa, que nace no seo do Consello do Deporte, busca ofrecer a toda a
xente a posibilidade de poñerse por un rato do outro lado e gañar así
perspectiva de inclusión. E fainos moita ilusión poñela en marcha, porque para
nós supón continuar dando pasos para rachar barreiras en todos os ámbitos”, explicou
a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A
rexedora presentou este xoves a primeira edición destes xogos acompañada por
representantes das asociacións Avelaíña, Discamino e San Xerome, así como do
club deportivo Tamiar-Apamp; membros do Goberno local; e Serafín
Martínez Acevedo e Víctor Valderrama, da empresa Noko 360 Sports Consulting,
encargada do desenvolvemento das probas deportivas.
O
vindeiro domingo 9 de outubro, a Praza do Calvario converterase nun grande
espazo deportivo no que desfrutar de catro disciplinas nas que as e os
participantes non poderán empregar todas as súas habilidades. Así, nenos, nenas
e maiores poderán experimentar coas handbike tanto conducíndoas como indo de
copiloto cos ollos vendados, o slalom en cadeira de rodas ou os xogos
tradicionais adaptados como a petanca a cegas por parellas. Por outro lado, para
una maior difusión e práctica do balonmán, haberá tamén sesión adaptadas nas
que as e os participantes xogarán de diferentes formas para maior coordinación
co balón. Outra das actividades que está previsto que se desenvolva será a de
baloncesto en cadeira de rodas.
A
actividade rematará cunha carreira-camiñada a cegas onde as e os participantes
por parellas unidos por unha corda farán de guía e de guiado, como nas
carreiras de persoas con discapacidade visual. O obxectivo é facer sentir a
nenos, nenas e maiores o mesmo que unha persoa que non ve e goza do percorrido
pola confianza e entrega á persoa que fai de guía. Haberá unha versión para
adultos de 2 quilómetros e outra para cativos e cativas en forma de xincana de
obstáculos.
As
actividades estarán abertas a un máximo de 200 persoas que desfrutarán das
disciplinas deportivas en grupos de 50 e en catro quendas que se celebrarán ás
10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 horas. Cada participante contará ademais cun carné
no que se colocará un selo por cada actividade realizada. As persoas
interesadas en participar xa poden inscribirse a través
dun formulario web.
Fernández
Callís anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa e quixo agradecer
“a Noko 360 a súa organización e ás asociacións tanto a súa colaboración como o
importante traballo que fan no día a día”. “O primeiro son as persoas na súa
diversidade por iso para nós a inclusión é un elemento esencial en todas as
accións de transformación que estamos a levar a cabo no noso municipio. E
estamos convencidas e convencidos de que esta xornada servirá para espertar
moitas conciencias e para visibilizar unha realidade ante os nenos e nenas que
construirán o futuro”, destacou a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario