O Concello de A Guarda fomenta e impulsa a práctica do baloncesto no municipio
• O Clube de Baloncesto BMB colabora activamente nesta nova etapa que arranca para este deporte na vila
Infogauda / A Guarda
O Concello de A Guarda, a través da concellería de Deportes, vén de realizar unha reunión para fomentar e impulsar a práctica do baloncesto na vila, un deporte que amosa un forte incremento e que conta co Clube de Baloncesto BMB, desta vila, que colabora activamente nesta nova etapa que arranca para este deporte na Guarda.
A concelleira de Deportes, Mª Montserrat Magallanes Álvarez, avanzou nesta reunión o total apoio do consistorio local para que a práctica deste deporte continúe o seu crecemento, insistindo na necesidade de crear canteira, rapaces e rapazas xoves que se inicien nesta práctica deportiva para poder facer un bo grupo e que o clube local teña equipos suficientes para poder participar en competicións e realizar campionatos ao longo do ano.
Antonio Lomba, alcalde de A Guarda, indicou na súa intervención, que dende o grupo de goberno municipal xa se tentou en varias ocasións potenciar a práctica deste deporte na vila, e considera que este é un bo momento para relanzar o clube local, posto que se conta cun bo adestrador e con moitas gañas e ilusión por traballar nesta nova etapa do clube.
Dende o Concello de A Guarda faise un chamamento a rapaces e rapazas para que se inicien na práctica deste deporte, que mellora a coordinación, a habilidade locomotriz, aumenta a resistencia, mellora a axilidade, entre outros tantos beneficios.
Todas as persoas interesadas en iniciarse no baloncesto na Guarda poden contactar con Rubén, que é o adestrador, a través do teléfono 650 672 914 (WhatsApp).
Ningún comentario:
Publicar un comentario