O COMITÉ DE EMPRESA DE VITRASA AMOSA SÚA SATISFACCIÓN
Coa resolución do laudo arbitral emitida o pasado 5 de xullo que lle impide á compañía recortar dereitos e salarios ao seu cadro de persoal.
Desde o comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte urbano do Concello de Vigo, amosamos a nosa satisfacción coa resolución do laudo arbitral emitida o pasado 5 de xullo que lle impide á compañía recortar dereitos e salarios ao seu cadro de persoal. Esta resolución é tan contundente que todos os puntos expostos pola empresa foron rexeitados na súa totalidade cunha argumentación moi coherente por parte do árbitro.
Con todo, o pasado mércores día 6 a dirección comunicounos a súa intención de recorrer o laudo arbitral até onde lle permita chegar a lei, perseguindo o seu único obxectivo: recuperar as perdas xeradas pola covid 19 a conta dos empregados/as; non hai que esquecer que ao mesmo tempo mantén unha reclamación xudicial co Concello na que lle solicita máis de 9 millóns de euros.
A pesar das intencións manifestadas pola empresa, dende a representación legal dos traballadores/as entendemos que actualmente o único camiño a seguir é retomar as negociacións do convenio colectivo. Foi a empresa a que en marzo deste ano anunciou a inaplicación do convenio, rompendo así as negociacións.
Temos os salarios conxelados desde o ano 2020, coa importante perda de poder adquisitivo que isto xera debido a un IPC disparado como nunca coñecemos. A isto hai que sumar a falta de melloras sociais no desenvolvemento do noso traballo diario, reivindicacións históricas que nunca chegaron a solucionarse. Tristemente, a actitude inmobilista da empresa á hora de negociar non coincide coa nosa, polo que non descartamos retomar as mobilizacións iniciadas o verán pasado.
Desde que coñecemos as intencións de redución de salarios e condicións laborais o pasado 4 de marzo o cadro de persoal e as súas familias conviven cun estado permanente de ansiedade e preocupación polo que estes recortes poden chegar a supoñer.
Lamentamos que a nova dirección de Vitrasa, do grupo Avanza-ADO, só se preocupe na actualidade de asegurarse unha serie de beneficios económicos á conta de reducir a calidade do servizo os salarios dos seu persoal. Entendemos que o Concello debe reformularse se este é o novo modelo de mobilidade que quere para a súa cidade.
Por ultimo gustaríanos agradecer as mostras de apoio e comprensión por parte das persoas usuarias e do resto de cidadanía de Vigo en todas as mobilizacións realizadas por este comité.
Vigo, 8 de xullo de 2022.
Comité de empresa de Vitrasa.

Ningún comentario:
Publicar un comentario