26 de xul. de 2022

VIGO

Sobre a venda de Ribera a Vivalto: a saúde como dereito ameazada polas empresas que fan negocio coa enfermidade. 


Manuel González Moreira* 

 A venta do grupo Ribera Salud, propietaria dos hospitais POVISA, POLUSA e Juan Cardona, ao grupo francés Vivalto Santé é unha mostra evidente do risco de converter o coidado da nosa saúde nun negocio privado, onde compran e venden centros sanitarios en función dos intereses económicos dos accionistas das empresas que os xestionan, co obxectivo de minimizar os custes e maximizar os beneficios. 

 Este feito é especialmente grave no caso do Hospital POVISA de Vigo que, mediante un concerto co SERGAS, ten a responsabilidade asistencial de 135.000 persoas da área sanitaria de Vigo.  

 CIG-Saúde xa denunciou no seu momento a compra do hospital POVISA por Ribera Salud, perdendo a oportunidade de que o hospital fora xestionado desde o ámbito do público e se fixera un plan de recuperación da sanidade pública na área sanitaria de Vigo.  

 A Consellería de Sanidade é responsable de garantir a asistencia sanitaria do conxunto da cidadanía e esta venda afecta directamente a 135.000 persoas a través do concerto con POVISA e a moitas máis polos concertos con estes hospitais, que agora cambian de mans, para realizar actividade derivada da sanidade pública, como intervencións cirúrxicas ou probas de diagnóstico.  CIG-Saúde xa manifestou hai uns meses a súa preocupación coas informacións que chegaban sobre a venda das participacións de Centene Corporation fora dos EEUU e de como isto podería afectar á negociación da renovación do concerto con POVISA.  

 A debilidade da sanidade pública na área sanitaria de Vigo, fomentada pola política sanitaria do Partido Popular, e a ausencia de alternativa asistencial para o 100% da cidadanía, supón que o dereito á saúde do conxunto da cidadanía está nunha posición de debilidade diante dunha negociación na que a parte privada, que colle o timón, ten toda a forza do seu lado ao non ter a parte pública alternativa á prestación asistencial. 

 CIG-Saúde continúa defendendo que é preciso garantir recursos asistenciais públicos para dar unha atención 100% pública ao conxunto da cidadanía da área sanitaria de Vigo, e continúa apostando pola xestión pública do hospital POVISA para poder planificar, con criterios de servizo público, o futuro da nosa sanidade pública.  


Secretario Nacional CIG-Saúde

Ningún comentario:

Publicar un comentario