18 de xul. de 2022

VIGO

Responsábeis de Industria da CIG, CCOO e UGT reclámanlle á Xunta que convoque a mesa do naval da Ría de Vigo 

Mantiveron hoxe unha xuntanza coa secretaria territorial autonómica 


Os responsábeis de Industria da CIG, CCOO e UGT en Vigo mantiveron hoxe un encontro coa secretaria territorial da Xunta na cidade

Foto: CIG

Redacción / Vigo

 Os responsábeis de Industria da CIG, CCOO e UGT en Vigo mantiveron hoxe un encontro coa secretaria territorial da Xunta na cidade, Ana Ortiz, para reclamarlle a convocatoria urxente da Mesa de Apoio ao Emprego no Sector Naval da Provincia de Pontevedra co obxectivo de abordar a grave crise que atravesa unha industria fundamental para a comarca e estratéxica para o conxunto do país.  

 As tres centrais sindicais consideran imprescindíbel abordar canto antes solucións á crítica situación na que se atopan os principais estaleiros (Barreras, Vulcano e Metalships), que está a provocar un esmorecemento progresivo do sector como consecuencia da falta da carga de traballo. Nun contexto no que a precariedade laboral no sector non fai máis que medrar e no que se segue a rexistrar un importante fluxo migratorio do persoal que até o de agora viña mantendo o naval vigués.  

 Por iso a CIG., CCOO e UGT apostan por accións conxuntas e unha estratexia común que permitan a recuperación do sector, comezando pola convocatoria da Mesa do naval na que estean representadas as principais organizacións sindicais, as empresas (estaleiros e industria auxiliar) e as Administracións, a través da autoridade laboral da Xunta en Vigo e da Inspección de Traballo de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario