12 de xul. de 2022

TOMIÑO

O “TOMIÑO GAMER” DO VINDEIRO DOMINGO CONTARÁ COA PRESENZA DE “ELVENDWARF”, MARÍA RENDÓN SÁNCHEZ E TANIA PÉREZ LÓPEZ 

ADEMAIS, A AXENDA DE VERÁN PROPÓN PARA O XOVES 14 NA PRAZA DA MINA, "A MÁQUINA DO TEMPO"; PARA O VENRES 15 Á SOPRANO ESPERANZA MARA, NA IGREXA DE BARRANTES, E PARA O SÁBADO 16 NA PRAZA DE GOIÁN, AO RAPEIRO AMORODO 




Infogauda / Tomiño

 O próximo domingo 17 de xullo celebrarase en Goián o Tomiño Gamer, un evento relacionado co mundo do gaming que contará coa participación do creador de videoxogos Gerardo Borjes “Elvendwarf” e de María Rendón Sánchez e Tania Pérez López. O “Tomiño Gamer” forma parte do ciclo “Galicia Gamer”, e acollerá a todas as persoas entre 12 e 35 anos que queiran participar nas actividades relacionadas co ámbito dos videoxogos, entre as que se inclúen conferencias e competicións. 

 O evento terá lugar o domingo 17 de xullo en Goián e incluirá charlas, conferencias e competicións en torno ao emerxente mundo do gaming.  O evento ten lugar nun momento de auxe do gaming como motor económico e social, especialmente tras a importancia acadada durante o confinamento. Deste xeito, impulsarase o debate sobre o valor cultural e educativo dos videoxogos nunha xornada intensiva de convivencia e de actividades.  

 O “Tomiño Gamer” será emitido en directo con gravación e con subida inmediata de todos os eventos. Ademais, aportaranse dispositivos de xogo para a xornada de tarde, que complementarán as conferencias programadas para a mañá.  

 Para participar no evento é precisa a inscrición previa nesta ligazón.  




 Outra cita moi importante é o concerto lírico da soprano Esperanza Mara, dentro do ciclo Música e Románico, que esta vez nos levará a coñecer mellor á igreza románica de San Vicente de Barrantes. Ese mesmo día, doutro lado do río Miño, inaugúrase a XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira, aberta todos os días, de 14.00 a 23.00 horas (hora portuguesa).  




 Por outra banda, tamén o Teatro Ghazafelhos e o rapeiro e poeta Amorodo contarán cun espazo na axenda do Concello. No que respecta ao primeiro, o Teatro Ghazafelhos trae á Praza da Mina “A máquina do tempo” o xoves 14 de xullo, unha peza de teatro que ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Pablo Patinho e Montse Piñón darán vida á doutora Mon e ao seu axudante Pe, a través dos cales farán un percorrido pola historia, para o que precisarán a axuda do público. O evento terá lugar ás 21h e estará dirixido a un público familiar, con entrada libre e de balde.  




 En canto ao rapeiro e poeta Amorodo, o sábado 16 de xullo presentará na Praza do Pintor Antonio Fernández os seus versos en forma de rap e hip-hop, ca lingua galega coma un dos seus símbolos distintivos. Dentro do ciclo “O Son das Prazas”, o artista amosará o seu compromiso coa terra, o amor e a cooperación humana, así cona co desenvolvemento sostible. A actuación terá lugar ás 22.30h e será accesible a todos os públicos, tamén de xeito gratuíto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario