Pazo de Valdomiño de novo protagonista nas Catas de Galicia 2022
A destilería afincada en Goián acapara catro dos seis galardoes da categoría de augardentes e licores
Conseguiu un ouro e dúas pratas cos augardentes e licores de Fonte do Frade e un primeiro posto con Pazo de Valdomiño
Redacción / Tomiño
Éxito rotundo de Pazo de Valdomiño nos premios da XXIV Cata de augardentes e XI Cata de licores tradicionais de Galicia, que distingue aos mellores produtos das Denominacións de Orixe tras varias xornadas de cata na que profesionais do sector testaron máis de 350 referencias de viños e preto de 40 augardentes e licores.
Un ano máis, os augardentes e licores elaborados por Pazo de Valdomiño foron os grandes triunfadores na entrega de premios celebrada en Boqueixón, repetindo o éxito de edicións anteriores e copando catro dos seis galardóns da categoría. Así, fíxose co Pote de prata polo augardente de Fonte do Frade, mentres que na cata de licores conseguiu o ouro polo de café de Fonte do Frade e fixo dobrete no de herbas co seu ouro por Pazo de Valdomiño e a súa prata con Fonte do Frade.
Desde a destilería Miguel Oliveira Ortega afirma: “Non podemos estar máis contentos e orgullosos por estes premios que supoñen un recoñecemento ao noso traballo e a nosa filosofía de aposta pola calidade”.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asistiu á entrega duns premios que o goberno autonómico organiza da man das denominacións de orixe e indicación xeográficas protexidas que contou coa presenza tamén do conselleiro de Medio Rural, José González, e da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro. Durante a gala púxose de manifesto a transcendencia do sector vitivinícola no desenvolvemento económico e social de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario