A Praza do Seixo acollerá o sábado o son de Babieca
A actuación do grupo tudense enmárcase dentro do ciclo "O Son das Prazas", que xa contou coa presenza doutros artistas como Xabier Díaz ou Amorodo
Infogauda / Tomiño
O vindeiro sábado, 23 de xullo, na Praza do Seixo de Tomiño, terá lugar a actuación de Babieca, cunha mestura de pop dos anos 90, música urbana actual e indie, nunha cita programada para as 22.30h (para todos os públicos e de balde). O concerto enmárcase dentro do ciclo "O Son das Prazas", que xa contou coa presenza doutros artistas, como Xabier Díaz ou Amorodo.
Babieca é unha banda de pop/indie nada en Tui, formada polo tomiñés Adrián Besada, no baixo e no sintetizador; Adrián Pérez, na voz e na guitarra; Berto Loureiro, na guitarra, e Ramón Corral, na batería. No 2020 sacaron os seus primeiros traballos e en 2021 proxectaron o seu novo directo, no que as sonoridades do pop dos anos 90, os sons da música urbana actual e o indie están presentes de comezo a fin. Os autores de "Viaje hacia Saturno" aseguran que "Babieca es el espacio para crear un contexto en el que poder desarrollar nuevas ideas sin prejuicios o ataduras y fuera de los ideales preconcebidos".
Banda Filarmónica de Santa María de Bouro
Ademais de Babieca, "O Son das Prazas" traerá o domingo 24 de xullo á Praza do Seixo, a actuación da Banda Filarmónica de Santa María de Bouro. Esta formación, nada en 1858 á sombra do vello convento cisterciense, retomou a súa actividade en 1999 participando dende entón en diferentes concursos, festivais, concertos e gravacións, alén de formar a novos valores locais na súa Escola de Música. O concerto está programado para as 12.00h, e é tamén para todos os públicos e gratuíto.
Anxo Pintos & Begoña Riobó ("Parbö")
Por outra banda, dentro da iniciativa do Concello de dar a coñecer o patrimonio histórico a través da música, Anxo Pintos & Begoña Riobó ("Parbö") achegarán á igrexa románica de Santa María de Tomiño unha simbiose entre patrimonio e música. Mediante o uso de instrumentos como a zanfona, a arpa céltica e o violín, o seu repertorio baseado na música tradicional incluirá temas da lírica galaico-portuguesa. A súa actuación será mañá venres 22 de xullo ás 20.30h. Para todos os públicos e de balde.
XXVII Encontro dos Pobos
Tamén o venres a Praza do Seixo acollerá ás 22.00h o XXVII Encontro dos Pobos, un festival internacional celebrado polo grupo de Baile e Gaitas "Do Lusco ó Fusco", no que participarán o grupo de baile Virxe do Alivio e o Folklórny Subor Drevár, de Eslovaquia. Este último conta cun total de 30 compoñentes de entre 14 e 35 anos, cuxo éxito é froito da dedicación, tanto de bailaríns, coma do director Jozef Murín. Todos os públicos poderán asistir ao encontro de xeito gratuíto.
Obradoiro de vídeo mapeo
Finalmente, o sábado 23, terá lugar o obradoiro de vídeo mapeo no salón de plenos do Concello. O artista visual Miguel Martínez Caraballo impartirá o taller, que consistirá no uso de proxeccións de vídeo e luz sobre unha superficie calquera, convertendo obxectos comúns en escenarios dinámicos tridimensionais, con efectos visuais atractivos. Entre as actividades do obradoiro atópanse o mapearado da fachada do Concello, o modelado cun programa de deseño 3D e a xeración de imaxes cun software de vídeo mapping para que os obxectos cobren vida. Todas as persoas maiores de 12 anos poderán asistir ao taller, que terá lugar entre as 11.30 e as 13.30h e entre as 19.00 e as 21.00h. As proxeccións do vídeo mapeo comezarán ás 22.30h. Prezo 20€.
Ningún comentario:
Publicar un comentario