18 de xul. de 2022

TOMIÑO

Persoal técnico do Revitaliza explicou no Mercado de Tomiño os principais cambios incluídos na nova Lei de Residuos  

A charla, dirixida tanto á veciñanza como a empresas, foi a primeira da campaña de información que ofrece a Deputación de Pontevedra ós Concellos da provincia   


Dous técnicos do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra ofreceron unha charla informativa  sobre as disposicións da nova Lei de Residuos
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Os técnicos Silva e Pintos, do Revitaliza da Deputación de Pontevedra, achegáronse até o Mercado de Tomiño para ofrecer unha charla sobre as disposicións da nova Lei de Residuos. A presentación, a cargo de Carlos Silva, centrouse nos artigos destacados da Lei para as entidades locais (EELL); que cambios implica para estas, así como para fogares, comercios e outras empresas; facendo especial fincapé na obrigatoriedade, para todos, de separar o lixo orgánico (biorresiduos) dende o 30 de xuño deste ano.  

 Respecto dos custos da xestión dos residuos, explicaron que as entidades locais deberán establecer no prazo de 3 anos unha taxa específica, diferenciada e non deficitaria que permita implantar sistemas de pago por xeración, e que reflicta o custo real da xestión de residuos. Ao mesmo tempo, deberán comunicar estas taxas, así como os cálculos empregados para a súa confección, ás autoridades competentes das comunidades autónomas.  

 En canto ás competencias administrativas dos concellos, estes terán que contar cun servizo de recollida, transporte e tratamento dos residuos domésticos e municipais en todo o seu ámbito territorial na forma que establezan as súas ordenanzas. É Importante resaltar neste punto que, segundo as especificacións da lei, considéranse residuos domésticos os seguintes: residuos perigosos e non perigosos xerados nos fogares como consecuencia da actividade doméstica; residuos xerados nos servizos e industrias, similares en composición e cantidade aos domésticos, que non se xeren como consecuencia da actividade propia do servizo e industria.  

 Así mesmo, as entidades locais deberán establecer ademais a recollida separada, aparte de papel, metais, plástico e vidro, tamén biorresiduos de orixe doméstico (antes do 30 de xuño de 2022 para municipios cunha poboación superior a 5.000 habitantes), residuos téxtiles, aceite de cociña usado, residuos domésticos perigosos e residuos voluminosos (antes do 31 de decembro de 2024). Para garantir a eficiencia destas recollidas, as entidades locais deberán priorizar modelos máis eficientes como o porta a porta ou o uso de contedores pechados ou intelixentes.  

 No caso dos residuos comerciais e industriais xestionados polos concellos, tamén estarán obrigados a clasificarse en orixe e recoller de forma separada as fraccións antes mencionadas, nos mesmos prazos.   

 Así pois, a lei establece que a porcentaxe máxima de impropios (residuos depositados incorrectamente nun contedor) será do 20% dende 2022 e do 15% dende 2027. A superación destas porcentaxes suporá a sanción por parte das CCAA, con multas dende 2.001€ ata 100.000€, polo que as entidades locais deberán establecer mecanismos de control.  

 Do mesmo xeito, para 2035 a porcentaxe de residuos municipais recollidos separadamente será como mínimo do 50% do peso total dos residuos municipais xerados. De non ser así imporanse as sancións establecidas.  

 Finalmente, a Lei recolle a prohibición de queimar residuos vexetais xerados no entorno agrario ou silvícola. De feito, a queima só estará permitida de xeito excepcional, por razóns de carácter fitosanitario que non sexan posibles de abordar con outro tratamento.  

 En definitiva, as entidades locais terán a responsabilidade de adoptar as medidas necesarias para posibilitar a separación e o reciclado en orixe dos biorresiduos mediante a compostaxe doméstica e comunitaria, ou ben, a súa recollida separada e posterior transporte e tratamento en instalacións específicas de reciclado, priorizando sempre a compostaxe.  

 Logo da charla, a Concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explicou que a próxima tarefa do concello neste ámbito, e no que xa están traballando, é adaptar as ordenanzas municipais, tanto de xestión como fiscal. Para isto estase realizando un estudo da xestión actual de residuos, así como das posibilidades de cambio desta, que axude a aumentar definitivamente as taxas de reciclaxe e cumplir coa Lei. “Ademáis, para a realización deste estudo, pedimos a participación da veciñanza cubrindo a enquisa que temos na páxina web municipal” declara a concelleira.  

Pódese acceder á enquisa na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLScCac7ydiPuqu8hoKfeastdSbIw2VDI92qeht0e4igsamvYbQ/viewform 

Ningún comentario:

Publicar un comentario