Clausura da V edición do Campus de Fútbol O Rosal
Que foi organizado pola U.D. Ribera en colaboración co Concello
Infogauda / O Rosal
75
nenas e nenos de entre 5 e 16 anos desfrutaron ao grande da V edición do Campus
de Fútbol “O Rosal”, organizado pola U.D. Ribera en colaboración co Concello.
As
instalacións deportivas de A Mata e o polideportivo do Colexio Suárez Marquier
acolleron as actividades deste campus que comezou a súa andaina o 4 de xullo co
obxectivo de ofertar unha alternativa positiva de lecer e promover hábitos de
vida saudables entre as e os máis pequenos.
Ao
longo do mes de xullo, o Campus de Fútbol “O Rosal” convertiuse nun espazo de
convivencia, aprendizaxe e, sobre todo, diversión que levarán no recordo todos
e todas as participantes.
Segundo
lembra o director do campus, Abel Lomba, “a U.D. Ribera tratou de ofrecer unha
experiencia o máis completa posíbel e penso que o conseguimos”. Ademais dos
adestramentos propios do fútbol, esta quinta edición recibiu as visitas de
Pablo Durán, o atacante da S.D. Compostela, que a través dunha charla do máis
produtiva deixou claro que con esforzo, ilusión e ganas todo é posible. E tamén
pasou polo campus Laura Fernández Pedrera, do CTA Vigo. A moza e prometedora
árbitra explicoulles aos nenos e nenas as reglas do xogo e, coa súa presenza
demostrou tamén que existen referentes femininos nun deporte que levanta paixóns
e que pode ensinar moito.
Non
faltaron neste campus os labores de técnica e coordinación, unha masterclass de
balonmán a cargo de Acanor Novás Valinox, e deportes alternativos, como o
béisbol.
Hoxe
tivo lugar a clausura coa entrega de trofeos. A alcaldesa Ánxela Fernández Callís,
sinala o éxito da presente edición, coa participación de 75 nenas e nenos “que
puideron aproveitar ao máximo unha experiencia que, con seguridade, terá
continuidade porque xa se converteu nun referente na nosa contorna”. A rexedora
quixo agradecer tamén á U.D. Ribera “o seu compromiso e o seu esforzo por sacar
adiante unha nova edición deste campus de fútbol”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario