O Rosal atesoura as historias que non se atopan nos libros
A alcaldesa presentou no auditorio municipal a segunda edición de Memoria Viva, un proxecto que busca a recompilación do patrimonio inmaterial vivo contado en primeira persoa
Carmen Piedra e Isaac Penela son os protagonistas de dous novos vídeos documentais e dous libros
Infogauda / O Rosal
Atesourar
e conservar as lembranzas que contan a historia do Rosal pero que non aparecen
nos libros, pero que as persoas maiores gardan con moito agarimo. Ese é o
obxectivo do proxecto Memoria Viva, que onte presentou nun emotivo acto no
auditorio municipal a súa segunda edición con dous novos protagonistas: Carmen
Piedra, con toda unha vida vinculada á música, e Isaac Penela, crego no Rosal
dende hai máis de 50 anos.
Con
este proxecto plurianual o Concello puxo en marcha un sistema de salvagarda das
lembranzas das persoas de maior idade do Rosal co que cada ano se recollen en
vídeos documentais e libros as testemuñas e vivencias doutros tempos dos
veciños e veciñas, a súa visión de momentos históricos ou a forma de vivir
doutros tempos. “É preciso escoitar, ver e gardar todas as historias que as
nosas e nosos maiores gardan na súa memoria para non perder unha parte tan
importante da nosa historia. Por iso recolleremos pouco a pouco ese patrimonio
inmaterial que temos dun xeito diferente: coas e cos protagonistas contándoo en
primeira persoa”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora
agradeceu aos dous protagonistas desta edición a súa paciencia “por esas horas
e horas de traballo dedicadas a transmitirnos as súas historias, así como ás
familias, persoas achegadas e veciños e veciñas que colaboraron para seguir
salvagardando a nosa memoria”.
Unha
memoria que nesta edición recupérase, por un lado, a través da visión de Carmen
Piedra, que cumprirá en novembro 89 anos, “e vivirei outros 89 máis”. Unha
muller vinculada á música dende o berce, xa que o seu pai, Pablo Piedra, foi
impulsor e director dende 1925 da banda de música de Tabagón, xermolo da música
no Rosal. Divertida narradora de historias propias e con moito respecto das e
dos que xa non están, como resaltou a alcaldesa no acto de presentación, “ten
unha memoria prodixiosa, unha intelixencia e unha valentía únicas. Musicalmente
no Rosal somos quen somos grazas á súa familia. Carmen herdou esas dotes
musicais e foi unha gran violinista, aínda que a realidade doutra época afastouna
do seu instrumento, xa que a muller estaba relegada a outras tarefas”.
“Déixanos para a historia o seu legado e amosa a súa valentía ensinando neste
traballo o que ocorría noutros tempos na Ribeira do Rosal”, destaca.
Por
outro lado, recóllese a historia de Isaac Penela (90 anos), o crego inquedo, “a
definición dun bo e xeneroso, da humildade personificada”. Como sinalou a
rexedora durante a presentación, “foi moito máis que un cura, foi unha persoa
implicada socialmente para a que sempre estivo por riba de todo o benestar da
veciñanza”. Promotor e dinamizador do cooperativismo agrario na vila, loitador
durante o conflito da auga entre 1974 e 1977 que case deixa sen este ben tan
importante para a vida e o futuro da vila, “crego atípico, bondadoso e moi
traballador, sorprende que aos seus 90 anos é quen de empregar as novas
tecnoloxías como o que máis. Comprometido coa xustiza, faime especial ilusión
compartir con el a súa paixón pola lectura, a economía e viaxar. É un claro
exemplo dese patrimonio inmaterial vivo que temos a necesidade de recuperar
pouco a pouco para que as xeracións futuras poidan coñecer a nosa historia”.
Despois
de visualizar os dous novos vídeos documentais do proxecto, a alcaldesa fixo
entrega de dous ramos de flores a Carmen e Isaac. O evento, guiado polo
rosaleiro Javier Lago, contou coa presenza de familiares e amigos dos
protagonistas, así como de numerosos veciños e veciñas que quixeron arroupar
aos dous novos protagonistas de ‘Memoria Viva’.
O
Concello levará as proxeccións destes vídeos documentais aos barrios dos
protagonistas. Deste xeito, os veciños e veciñas poderán desfrutar co de Carmen
Piedra o vindeiro mércores 17 de agosto na Praza do Maio de Tabagón ás 21.00
horas e co de Isaac Penela o martes 23 de agosto a partir das 20.30 horas na
Igrexa de Santa Mariña do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario