O Rosal mobilízase contra o desmantelamento da sanidade pública
A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal convoca a veciñanza e establecementos a un paro de tres minutos este 15 de xullo ás 12.00 horas
Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal / O Rosal
Tras
os graves feitos acaecidos no Rosal o pasado mes de maio, a falta de medidas
tomadas por parte do SERGAS e o continuo desmantelamento da atención primaria
no municipio e na comarca, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do
Rosal convoca a toda a veciñanza e a todos os establecementos do concello a
manifestarse pola defensa dun servizo de sanidade pública que cubra as
necesidades da poboación cun paro de tres minutos este venres 15 de xullo.
A
Plataforma anima a todas as persoas a saír á porta ás 12.00 horas, estean onde
estean, e facer ruído ou amosar os diferentes carteis alusivos que haberá á súa
disposición nos establecementos rosaleiros e
defender así unha atención primaria de calidade. Nestes carteis
figurarán mensaxes como ‘Queremos matrona para O Rosal’, ‘Queremos recuperar a
médica de San Miguel’, ‘Por unha atención primaria digna’, ‘Sen pediatra dende
abril de 2021’, ‘Unha soa médica para máis de 6.000 persoas’, ‘A Xunta pon en
risco a nosa saúde’, ‘Mañá podes ser ti o que precise atención’ ou ‘Precisamos ambulancia
medicalizada xa!’.
Ademais,
convida a todas as persoas a facer fotos coas persoas que se teña arredor e
envialas vía Whatsapp ao teléfono 618 64 38 05 para que se poidan difundir
dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal e mostrar así a
mobilización da veciñanza para que o centro de saúde do Rosal teña a dotación
de persoal que lle corresponde e para que o servizo do PAC de urxencias da
Guarda garanta a saúde de todos e todas e non poña a vida das persoas en perigo.
Dende
a Plataforma lémbrase que non só o SERGAS comunicou o desmantelamento do
segundo equipo do PAC de urxencias da Guarda, senón que anunciou que a presenza
de equipos médicos no Rosal durante o verán ía estar complicada. Na actualidade
unha soa médica atende aos 6.450 habitantes do municipio, polo que durante o
verán haberá un maior ratio de persoas sen persoal médico para atendelas e cun
servizo de urxencias mermado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario