O Sergas non cubre as ausencias de persoal no centro de saúde de Cangas, comprometendo a asistencia sanitaria
A CIG-Saúde reclámalle ao Sergas que cumpra os compromisos adquiridos coas traballadoras/es tras as súas denuncias públicas
CIG-Saúde / Cangas
O pasado mes de abril as traballadoras/es do centro de saúde de Cangas denunciaban xunto coa CIG a restrición de vacacións do persoal, tras o que a Xerencia se comprometera a cubrir o 33% das ausencias e a valorar apoiar o centro cun reforzo de costa.
Iniciamos o mes de xullo e atopámonos que as vacacións de enfermaría deste centro están sen cubrir, quedando seis enfermeiras/os de adultos/as dun total de nove e dúas enfermeiras de pediatría dun total de tres. A Xerencia rompeu o compromiso de cubrir as vacacións do persoal e esta situación vai supor unha limitación na asistencia do centro, que terá que priorizar a realización de curas crónicas e a atención urxente ao ter que asumir a atención dos doentes das enfermeiras/os ausentes.
Ademais, tal e como vimos reiterando, nesta localidade o importante aumento de poboación durante o verán multiplica tamén a demanda asistencial no centro. Esta atención antes da pandemia era asumida polos coñecidos “reforzos de verán”, figura da que se prescindiu este ano en todos os centros que sofren este aumento de poboación nesta área sanitaria.
Esta situación supón un deterioro importante na atención, demorando a realización de cita programadas a doentes crónicos/as, así como técnicas diagnósticas necesarias para o control da enfermidade. Esta sobrecarga que se xera polas demoras seguirá recaendo sobre o persoal de enfermería, que terá que asumir tras o período de vacacións todo o traballo que non se puido desenvolver pola falta de persoal.
Desde a CIG-Saúde solicitamos que se asuman os compromisos adquiridos coas traballadoras/es e que se cubran as vacacións de enfermaría do centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario