4 de xul. de 2022

A GUARDA

 A “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” deixa atrás a pandemia con cifras similares a 2019  

A trixésima edición do evento gastronómico de referencia na Guarda pechouse onte con un concierto memorable da cantante Erea Castro na Praza de San Bieito.  

O alcalde Antonio Lomba anunciou unha terceira edición do Festival Mar de Blues, dado o éxito desta cita musical, que xa conta con numerosos seguidores.  

Langostas e nécoras foron os produtos máis demandados, tanto na carpa como nos restaurantes guardeses.  


Erea Castro enamorou co seu directo 
Cheo na praza de San Bieito para escoitar a Erea Castro


Mar Bermúdez / A Guarda

 A trixésima “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” congregou na Guarda do 1 ao 3 de xullo a centenares de veciños e visitantes que non quixeron perderse o regreso tras a pandemia dunha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Reivindicar os produtos e elaboracións propias dunha vila mariñeira e unir esa reivindicación a un potente programa cultural, con actividades para todas as idades, foi o gran acerto do Concello de A Guarda nesta edición postpandémica da celebración. 

 Non é estraño, entón, que o evento repetise resultados de 2019, unha das edicións máis exitosas de toda a súa historia, con preto de 350 quilos de lagosta vendida só na carpa, polo que se prevé un número notablemente maior cos pedidos realizados ao longo destes tres días polos restaurantes locais. Como anécdota, sinalar que este ano aumentou de forma considerable o consumo de nécoras, que competiron en sabor coa raíña da festa.  

 A XXX “Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira” arrincou o pasado venres  na Praza de San Bieito coa entrega das súas renovadas Lagostas de Ouro a tres organizacións locais: a Confraría de Pescadores Santa Tecla, polo seu traballo a favor da pesca artesanal e o marisqueo; a Asociación de Redeiras Atalaia, polo seu esforzo á hora de dar visibilidade e dignificar o traballo das mulleres do mar; e a Organización de Palangreiros Guardeses, pola súa achega á dinamización da economía guardesa. Por iso, a exitosa edición de 2022 clausurouse no mesmo escenario.  



O concelleiro Rafael Álvarez, a tenente de alcalde, Mª Montserrat Magallanes e o alcalde, Antonio Lomba, na última xornada do Mar de Blues
O grupo de gaitas A Boalleira pola rúa do Porto,  camiño da carpa




 A protagonista da noite de onte foi a cantante Erea Castro, que deleitou aos numerosos asistentes cunha voz marabillosa e un estilo persoal no que teñen cabida diferentes estilos musicais. Entre eles, o fado, do que é unha das súas máximas expoñentes. Tras ela, o grupo de gaitas A Boalleira foi o encargado de amenizar a última noite da festa. E se falamos de música, imposible non facer referencia ao Festival Mar de Blues que, segundo anunciou o propio alcalde, Antonio Lomba, terá unha terceira edición. As noites musicais na Praza do Reló foron, sen dúbida, un dos pratos fortes do evento gastronómico, xa que atraeron a amantes deste xénero musical de toda España debido ao prestixio dos músicos que participaban.  

Os outros protagonistas da celebración 

 A festa guardesa contou con outros importantes atractivos, máis aló da gastronomía e da música en directo. O “Piueiro”, o volanteiro tradicional cunha tripulación formada por mariñeiros xubilados da Guarda, non parou de realizar travesías ao longo de toda a fin de semana; mentres que a mascota “Lagosta Castrexa”, deseñada con motivo do trinta aniversario da festa e que ocupou boa parte das actividades destinadas aos máis pequenos, triunfou e converteuse na compañeira ideal dos autofotos de nenos e maiores. 

 A suma de todos estes factores provocou o éxito desta cita organizada polo Concello de A Guarda, que se envorcou nesta “celebración da vida”, como dixo o alcalde Antonio Lomba na súa inauguración. A paréntese da pandemia xa quedou atrás e a “Festa da Lagosta e dá Cociña Mariñeira” renace con todas as virtudes previas e engadindo unha riqueza cultural que augura un crecemento exponencial en futuras edicións. Sempre coa idea de que cada guardés senta orgulloso da súa vila e de que cada visitante queira regresar. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario