O monte Santa Trega conta con catro visitas guiadas diarias de martes a domingo
• Ao longo dos meses de xullo e agosto.
• Prazas limitadas e inscrición previa no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 017 038 (tamén WhatsApp) ou un correo a masat@aguarda.es
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega que se ofrecen dende o Padroado Municipal Monte Santa Trega para que os visitantes e veciños podan coñecer mellor o valor arqueolóxico deste monte, disporán nos meses de xullo e agosto de ata catro visitas diarias, de martes a domingo.
Neste ano 2022 recupérase a ampla oferta de visitas guiadas, que xa comezou no mes de xuño e que rematará no mes setembro.
Para Rafael Álvarez Martínez, concelleiro de Turismo, “é importante promocionar e pór en valor o Monte Santa Trega e os seus xacementos arqueolóxicos, así coma o Museo Arqueolóxico do monte Santa Trega (MASAT), para que os nosos visitantes coñezan todo o patrimonio e a historia dos noso antepasados.”
Indicou Rafael Álvarez, que “as visitas guiadas deste verán ao Monte Santa Trega, contan cun guía local, experto en historia que traslada os seus coñecementos en cada visita dun xeito sinxelo e animado para que os participantes se “embriaguen” da cultura castrexa e o patrimonio do noso municipio.”
A oferta das visitas amplíase nos meses de maior afluencia, xullo e agosto, con 4 visitas ao día, de martes a domingo (ás 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h), polo que a oferta de visitas guiadas amplíase para que todos os visitantes interesados teñan a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe.
Este ano as visitas guiadas estarán centradas no Castro do monte Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, pero sempre é interesante completar esta actividade coa visita ao Museo Arqueolóxico do monte Santa Trega (MASAT).
Para ofrecer unha visión máis ampla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende porta norte ata a porta sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos, como as vivendas reconstruídas, a zona de Mergelina, o concheiro,...
As prazas seguen a estar limitadas polo que se precisa de inscrición previa no Museo Arqueolóxico no teléfono 690 017 038 (tamén WhatsApp) ou un correo a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero aqueles que accedan ao monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público.
A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario