A ERMIDA DE SANTA TREGA, PATRIMONIO DESTACADO NA XXVI EXFIMIÑO
A mostra filatélica pódese visitar ata o día 25 de xullo, no salón da reitoral de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (SFeNG), vén de acreditar, unha vez máis, seu decidido apoio aos valores culturais e patrimoniais do Monte Santa Trega. Nesta ocasión, organizando a XXVI ExfiMiño, mostra filatélica patente no salón da reitoral de A Guarda, con especial protagonismo da ermida de santa Trega.
O acto de inauguración tivo lugar na tardiña de onte xoves, e contou coa asistencia do alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; da deputada provincial de Transición Ecolóxica, Medio, Arquitectura e Proxectos Europeos, Iria Lamas Salgueiro; da concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; do presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), Enrique Pérez Martínez; do presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, José Ángel Gándara Rodríguez; e o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez.
Asemade, asistiron varios directivos (Maria Elisa Abad Suárez, Marta Verde Rodríguez, José Barros Cachaldora,...) de FEGASOFI; membros da xunta directiva e socios/as da SFeNG; o presidente do Grupo Filatélico e Numismático "Val do Rosal", Alfonso Dorado Senra; membros da corporación municipal de A Guarda; o xuiz de paz de A Guarda, Antonio Martínez Vicente; Isabel Pacheco Gómez, da Oficina de Correos de A Guarda; visitantes de Ourense, e público da nosa localidade e súa contorna.
Logo da benvida efectuada por José Ángel Gándara Rodríguez, presidente da SFeNG, houbo as respectivas intervencións das persoas que formaban parte da representación oficial, salientando non soio os méritos da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, que desde súa fundación vén promovendo o coleccionismo filatélico e numismático, senón dando a coñecer persoaxes destacados da historia de A Guarda, como por exemplo os fundadores da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, e ao mesmo tempo divulgando os valores culturais, paisaxísticos e patrimoniais, que ofrece o monte Santa Trega.
Respondendo á invitación que no pasado mes de maio lle fixera José Ángel Gándara Rodríguez, o historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez ofreceu unha amena disertación sobre "A capela do monte Santa Trega de A Guarda", cuxo texto, publicado en castelán, figura no ExfiMiño - Boletín informativo da Sociedade Filatélica e Numismástica Guardesa - nº 44, que está a disposición dos visitantes da exposición.
O doutor en Historia Contemporánea, pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Villa Álvarez, salientou na súa intervención o culto a mártir santa Trega - desde tempos inmemoriais e de xeito continuado ao longo dos séculos, constatándose seu punto álxido no século XII -, no monte que leva o nome de Trega [de Iconio], no termo municipal de A Guarda, onde ben podería ubicarse a Abóbriga, citada polo xeógrafo Pomponio Mela e descrita por Plinio o Vello.
Trala breve conferencia de Villa Álvarez, foron dados a coñecer por Marta Verde Rodríguez, secretaria da SFeNG, os méritos filatélicos de Luciano Lomba Vicente, ex presidente da Sociedade Filátelica e Numismática Guardesa, referindo: "Na Asemblea Xeral Extraordinaria da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa celebrada no local social da Guarda, sito na rúa Ramón Sobrino 8, o día 6 de febreiro de 2022; acordouse por unanimidade, facerlle entrega a Don Luciano Lomba Vicente a Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa.
Luciano Lomba Vicente nace no barrio do Outeiro, parroquia de Salcidos (A Guarda), en 1957. Empezou a coleccionar selos dende moi cativo pero, dende máis ou menos os anos 90, interesouse máis pola arquitectura relixiosa, especializándose nesta temática no ano 2000.
Entrou a formar parte como membro da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa en 1996 co número de socio 253. En 2003, na asemblea xeral celebrada o 1 de febreiro, foi elexido vicepresidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, cargo que ocupou ata o 7 de marzo de 2010. Na asemblea xeral do 7 de marzo colleu o relevo do anterior presidente, Juan Álvarez Sobrino cando este, cesou voluntario do seu cargo. Foi presidente desta Sociedade ata xuño de 2021.
Nestes 12 anos de presidencia organizáronse: nove exposicións EXFIMIÑO; unha EXFIGALICIA; unha exposición con motivo do “XIV Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia”; 6 “Exposicións Filatélicas e Feiras do Coleccionismo; un seminario filatélico de Galicia e Portugal; solicitouse o mataselos turístico para a oficina postal da Guarda. Acondicionouse, pintouse e se lle cambiaron los mobles do local social, ademáis de facer construir 10 vitrinas expositoras verticais e 6 vitrinas expositoras horizontais e o novo anagrama da Sociedade.
Foi coordinador do boletín EXFIMIÑO dende o ano 2008 ata o 2020.
Como coleccionista e expositor, participou por primeira vez nunha exposición competitiva en xullo do 2006 na FILATEM, en Benavides de Órbigo, onde acadou a medalla de Prata Grande. Seguiu a súa andadura filatélica participando en exposicións rexionais, nacionais e internacionais coa súa colección temática ESTILOS ARQUITECTÓNICOS RELIGIOSOS (en Europa y áreas de influencia), gañando varias medallas de ouro.
Faille entrega da Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico, o presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, José Ángel Gándara Rodríguez".
Momento no que o presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, José Ángel Gándara Rodríguez, faille entrega a Luciano Lomba Vicente, da Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico
Logo dese momento tería lugar a posta en circulación do material filatélico específico para esta mostra filatélica. Compre destacar que a SFeNG decidiu, acertadamente, que o protagonismo da XXVI ExfiMiño fose para a ermida de Santa Trega. Dese xeito, foi emitido ex profeso por Correos un material postal (matasellos - que presenta un dibuxo do santuario adicado á discípula de san Pablo - , enteiro postal - coa fotografía a toda cor da ermida e a paisaxe que desde ese enclave se divisa deica o nacente e o rio Miño- e un selo persoalizado - coa mesma imaxe que o enteiro postal - da tarifa A).
Momentos despois, o presidente da SFeNG acompañou ao alcalde de A Guarda, a deputada provincial, a concelleira de Cultura e ao presidente de FEGASOFI, a visitar os distintos cadros coas coleccións que se mostran nesta XXVI ExfiMiño, que poderá visitarse ata o vindeiro día 25 deste mes de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario