O Centro San Xerome celebra a xornada de peche do proxecto
“SAN XEROME ABRINDO CAMIÑO NA HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN”
Infogauda / A Guarda
Desde decembro de 2021, San Xerome desenvolveu o proxecto “SAN XEROME ABRINDO CAMIÑO NA HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN”, no que 10 persoas con diversidade intelectual desempregadas, residentes na comarca do Baixo Miño, formouse durante sete meses como camareiros e camareiras, para desempeñar un traballo de calidade e profesionalizado no sector da hostalería vinculada ao Camiño de Santiago Portugués e aos numerosos establecementos de hostalería e restauración que prestan servizo ao turismo na nosa zona.
Durante este tempo, os participantes superaron con gran éxito un total de 508 horas de formación (256 teóricas e 252 prácticas) que lles dotaron de habilidades e competencias para poder desempeñar o seu labor profesional con profesionalidade e calidade, e que mellorou infinitamente as súas posibilidades de inserción laboral nun sector punteiro no noso territorio como é a hostalería e restauración.
Para lograr o éxito desta experiencia, foi fundamental poder contar coa colaboración de 8 establecementos hostaleiros de recoñecidos prestixio de A Guarda: a Cafetería Art Café, o Café Bar Barros, o Club de Tenis Codesal, o Club da Terceira idade e Pensionistas de A Guarda, o Bar A Illa Snack, a Cafetería Oasis, o Bar Pool Chaos, e a Panadería Morales, onde os participantes desenvolveron as prácticas previstas no proxecto, con excelentes resultados.
Durante a mañá de onte martes 19 de xullo celebrouse a xornada de peche do proxecto. O evento tivo lugar na sede do Centro Social da Casa do Mar de A Guarda, onde se entregaron os Diplomas de participación, que certifican o bo aproveitamento da formación por parte de todas as persoas participantes. Ademais da entrega de Diplomas, durante esta xornada tivo lugar un espazo de reflexión onde todas as persoas implicadas puideron expoñer e compartir a súa experiencia tras formar parte desta iniciativa tan enriquecedora.
O proxecto está financiado pola Fundación ONCE (Programa Reforzo de empregabilidade de persoas mozas con discapacidade “Un a un”), con fondos do Fondo Social Europeo (Iniciativa de Emprego Xuvenil).
Ningún comentario:
Publicar un comentario