20 de xuño de 2022

PONTEVEDRA

AREEIRO VOLVE A POÑER O FOCO NA NECESIDADE DE VIXIAR O AVANCE DO MILDIO 

A Estación Fitopatolóxica tamén se refire no seu último aviso fitosanitario a outros patóxenos como o oídio, o black rot ou a erinose de verán


 Primeiro sintoma de oidio
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que pon o foco na necesidade de vixiar o avance do mildio nas viñas e estar a alerta ante a aparición de outros patóxenos como o oídio e o black rot. Ademais, o persoal da EFA refírese á necesidade de protexer as maceiras contra o moteado ou de manter protexidas a pataca e outras plantas hortícolas contra distintos patóxenos mentres dure a inestabilidade climática.

 Como cada semana, o persoal da EFA fixo un seguimento do mildio nas viñas no que se atopou con distintas situacións dándose as peores nas viñas con excesiva vexetación. Ante a diversidade de situacións e unhas previsións meteorolóxicas inestables para os próximos días, dende a Estación recomendan a aquelas persoas que teñan próxima finalización da protección teórica do tratamento anterior realizar unha nova aplicación aproveitando os períodos sen choiva nin vento. E, para as que xa o renovaron, indícase seguir coa vixilancia e as labores que favorezan a aireación dos acios. Na viña tamén se atoparon os primeiros síntomas de oídio en albariño así como bastantes de black rot nos grans de plantas abandonadas. Para combater estas enfermidades, a EFA aconsella utilizar funxicidas contra o mildio e o oídio, que tamén teñan efectos contra o black rot. Ademais, apareceron os primeiros síntomas de erinose de verán, que non require tratamento.

 No caso da maceira, o persoal da EFA lembra que as plantas que non estean protexidas contra o moteado, sobre todo as de variedades sensibles, deben recibir un tratamento de xeito especial se o último se realizou cun funxicida de contacto. O aviso tamén referencia que se espera que os síntomas da bolboreta do buxo non avancen. E, en canto á pataca e outras plantas hortícolas, dende a Estación advirten que estas plantas deben de manterse protexidas contra o mildio e outros patóxenos mentres dure a inestabilidade climática.

Ningún comentario:

Publicar un comentario