14 de xuño de 2022

PONTEVEDRA

No Encontro Farmacéutico do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra 

OS FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA OUTORGAN A  ASEM GALICIA O I PREMIO FARMACÉUTICO A ASOCIACIÓNS DE PACIENTES DO COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA 

· O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra valorou as iniciativas emprendidas por  ASEM Galicia, orientadas ao servizo directo ao paciente. 

· O acto institucional de entrega de diplomas, recoñecementos e galardóns, congregou a máis de 250 persoas na illa da Toxa. 


A presidenta do Colexio, Alba Soutelo, xunto a Manuel Rego Collazo e  Alberta  Roade Otero, presidente e secretaria, respectivamente, de ASEM Galicia, xunto a membros da Xunta de Goberno do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra
Foto: C.FF.PO.


Infogauda / Pontevedra

 Os farmacéuticos de Pontevedra reuníronse con ocasión do I Encontro Farmacéutico 2022, tras dous anos de pandemia. Máis de 250 persoas déronse cita na Toxa no acto farmacéutico de entrega de diplomas, recoñecementos e galardóns. 

 Ademais de darlles a benvida aos novos colexiados e homenaxear ás persoas que colaboraron dunha forma especial co Colexio e os seus colexiados, o acto culminou coa entrega dos I Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. 

 “O obxectivo destes premios é recoñecer o papel que as asociacións de pacientes desempeñan na mellora da calidade de vida das persoas afectadas, dos seus familiares e dos seus coidadores, e poñer en valor o seu labor para dar a coñecer as necesidades sanitarias do colectivo ao que representan” –sinalou a presidenta do Colexio, Alba Soutelo-. 

 Este é un paso máis do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra para ampliar o seu compromiso coa sociedade e avanzar na consecución dunha alianza estratéxica da profesión farmacéutica cos pacientes. 

 “Cada ano destacaremos a unha asociación de pacientes para darlle unha maior visibilidade ao labor que realiza. Algo que xa estamos a facer desde novembro de 2019 na revista colexial Enclave de Saúde, antes Saúde Viva, que conta cunha sección dedicada ás asociacións de pacientes”- comenta Alba Soutelo. 

 Nesta primeira edición dos Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes, o galardón foi outorgado á Asociación Galega contra as Enfermidades  Neuromusculares,  ASEM GALICIA. 

 ASEM GALICIA está formada por afectados, familiares e outras persoas que, de forma desinteresada, levan a cabo a tarefa de apoiar e orientar aos pacientes con enfermidades  neuromusculares. Unhas enfermidades consideradas enfermidades raras e que a asociación contribúe a mellorar a calidade de vida dos que as padecen, atendendo as súas necesidades e as das súas familias. 

 Manuel Rego Collazo, presidente de  ASEM Galicia, agradeceu ao Colexio e aos farmacéuticos de Pontevedra este premio en nome da asociación, que supón un respaldo á súa traxectoria de máis de 20 anos levando a cabo proxectos en beneficio das persoas afectadas por estas enfermidades raras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario