17 de xuño de 2022

OIA

A oficina de turismo de Oia comeza esta fin de semana o seu servizo estival  

Das 4.846 visitas contabilizadas o pasado ano, 2.850 correspondéronse con turistas e 1.996 con peregrinos

 

Oficina de Turismo de Oia, no barrio do Arrabal
Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 A oficina de turismo de Oia, situada no barrio histórico do Arrabal, comezará a súa actividade esta fin de semana, prestando servizo durante a tempada de verán. Estará aberta de martes a domingo para dar información e asesoramento a visitantes, peregrinos e persoas interesadas nos atractivos turísticos, patrimoniais e paisaxísticos do concello e a súa contorna, así como a oferta cultural e de lecer.   

 O servizo estará activo desde o domingo 19 de xuño ata o día 18 de setembro, atendido por una técnica de turismo. O horario de apertura será o seguinte:   

-Martes: de 10.00 a 15.00 horas 

-De mércores a domingo: de 10.00 a 18.00 horas. 

-Luns: día de peche.  

 En 2022 o Concello de Oia asume o servizo de información turística contando cunha axuda da Deputación de Pontevedra que cubre o 66,75% do custo total da contratación do servizo (5.340 euros concedidos ao abeiro das subvencións destinadas ao financiamento dos custos e dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas durante o ano 2022).  

 Ademais de estar adherida á rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas (Deputación de Pontevedra) a oficina oiense conta con certificado Compromiso de Calidade Turística do SICTED, promovido pola Secretaría de Estado de Turismo.    

Previsións 2022   

 Despois de que o ano pasado as cifras de visitantes en Oia mostraran unha tendencia á recuperación do impacto da COVID-19 no sector, este ano as previsións xerais son optimistas no sector turístico.  

 Na tempada de verán de 2021, un total de 4.846 persoas pasaron pola oficina de turismo de Oia. Estas cifras, acadadas no segundo ano de pandemia de COVID-19, supuxeron un aumento próximo ao 45% sobre os datos do ano anterior, cando se rexistraron un total de 3.348 visitas.  

 Das 4.846 visitas contabilizadas o pasado ano, 2.850 correspondéronse con turistas e 1.996 con peregrinos. En canto a estes últimos, foron os que rexistraron o incremento máis salientable, posto que duplicaron as cifras acadadas no verán de 2021 (856 peregrinos).

Ningún comentario:

Publicar un comentario