O Concello saca a licitación a reforma para facer o pavillón municipal máis accesible
Instalarase un elevador e unha rampla de acceso ás instalacións e reformaranse tamén os vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros.
O prazo de presentación de ofertas remata o 26 de xuño
Infogauda / O Rosal
O Rosal
da un novo paso para converterse nun municipio máis inclusivo e accesible. O
Concello vén de sacar a licitación a instalación do ascensor e a reforma
interior do pavillón municipal para a mellora da accesibilidade vertical
mediante a instalación dun ascensor, así como para a adecuación das zonas de
vestiarios e aseos, unhas obras que continúan a senda de mellora destas
instalacións deportivas tras a reforma dos vestiarios locais e do cambio de
chan para que usuarios e usuarias puideran practicar deporte de xeito seguro.
Estas novas actuacións enmárcanse “na promoción da transformación do Rosal que queremos levar adiante cunha serie de actuacións como a recuperación de espazos para as persoas que melloren a mobilidade peonil, a posta en valor dos elementos patrimoniais e a mellora da accesibilidade nas instalacións municipais, xerando espazos urbanos de alta calidade para o goce común de toda a veciñanza”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora lembra que “a través do proxecto Cocreando Sociedade ratificamos o noso compromiso pola inclusión e a mobilidade e neste camiño estamos traballando para facer accesibles progresivamente aquelas dependencias municipais que hoxe en día aínda non o son”.
O
obxectivo destas obras é “reorganizar os diferentes espazos existentes no
pavillón municipal, modernizándoos e adaptándoos ás novas necesidades”. Así,
melloraranse as condicións de accesibilidade entre a planta baixa do pavillón,
onde están situados os accesos e os servizos, e a planta alta, onde se atopan
as bancadas e a cantina. A reforma interior tamén inclúe a mellora dos
vestiarios visitantes, os baños públicos e a zona de árbitros e unha rampla e
unha plataforma horizontal que garanta o acceso ao interior do pavillón.
Segundo
salienta a alcaldesa, “queremos unhas instalacións aptas para persoas usuarias
con diferentes tipos de mobilidade con percorridos completamente accesibles que
nos permitan mellorar o acceso ao público, pero tamén dar un paso máis alá e
abrir a porta a acoller actividades de deporte adaptado”.
Este
proxecto de mellora levaranse a cabo a través dun convenio de colaboración ente
o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que
financiará o 60% da reforma. As empresas e entidades interesadas poderán
presentar as súas propostas ata o vindeiro 26 de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario