Concello e adegas camiñan da man para trasladar a Feira do Viño a outubro
Celebrarase os días 7, 8 e 9 de outubro na Praza do Calvario, fomentando así o dinamismo comercial da contorna tras os meses de obras
Infogauda / O Rosal
Concello
e adegas camiñan da man para preparar unha nova edición da Feira do Viño do
Rosal, unha edición que a organización decidiu de forma unánime mudar de data este
ano para poder celebrala na Praza do Calvario, o seu escenario tradicional, e
manter o dinamismo comercial que cada ano xera a feira na contorna.
“Con
esta nova data faremos coincidir a nosa Feira do Viño, un dos eventos máis
importantes para rosaleiros e rosaleiras, co remate dunha obra histórica para o
municipio, como é a transformación do núcleo da Praza do Calvario. Queremos
unha praza chea de veciñanza e visitantes que nos permita dar ese pulo
comercial tan importante para os comercios da contorna despois do esforzo
colectivo que están a facer mentres se están a executar as obras”, salientou a
alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Deste
xeito, a Feira do Viño do Rosal celebrará os seus 30 anos de vida en outono. A
vindeira edición terá lugar os días 7, 8 e 9 de outubro, coincidindo ademais
cunhas datas tan tradicionais para rosaleiros e rosaleiras como é o remate da
vendima.
Realizouse
un estudo previo de espazos alternativos para a celebración da nova edición da
Feira do Viño que cumpriran coas necesidades técnicas como saneamento,
iluminación, música ou aparcamento e tiveran en conta as limitacións sectoriais
que non permiten realizar este tipo de eventos en calquera parte do municipio,
xa que, por exemplo, toda a zona da Ribeira está afectada pola Rede Natura
2000.
Non
obstante, adegas e Concello decidiron que a mellor opción era cambiar a data e
estrear un espazo totalmente transformado como a Praza do Calvario, na que se
soterraron todas as canalizacións e redes de saneamento, abastecemento,
pluviais, telecomunicacións, electricidade e alumeado e na que se tivo en conta
a celebración da tradicional Feira do Viño para axeitar necesidades técnicas
para o seu desenvolvemento, como ás de subministro eléctrico, recollida de
residuos e distribución de stands para esta cita anual.
“Tras
dous anos de pandemia cunha edición da feira virtual e outra contida pola
situación sanitaria, este ano volvemos á normalidade e recuperamos a esencia
desta festa de interese turístico. Pero, de forma excepcional, farémolo nunha
nova data para ofrecer a veciñanza e visitantes unha feira no mellor escenario
posible. E, como xa temos demostrado, farémolo adaptándonos ás circunstancias,
nesta ocasión á época do ano e á súa climatoloxía”, recalcou a rexedora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario